Punto virtual :: Down Galicia

 PUNTO VIRTUAL DE EDUCACIÓN
PREGUNTAS FRECUENTES

 

PREGUNTAS FRECUENTES

Que ferramentas/estratexias existen para xestionar condutas desaxustadas que poidan xurdir na miña aula?

As condutas desaxustadas xorden como resposta ás esixencias dun contexto que non ofrece os apoios necesarios, impedindo unha resposta adaptada e equilibrada. Ademais, poden prolongarse no tempo porque supoñen algún tipo de reforzo ou gratificación para a persoa. Con frecuencia, acabamos depositando a responsabilidade na persoa, considerándoa o foco do problema, o que pode acabar provocando un estigma e xerando dinámicas de convivencia de discriminación e exclusión.

Polo tanto, haberá que analizar detidamente se a nosa aula e/ou o noso centro é un lugar  accesible e comprensivo ou, se pola contra, ofrece algunha barreira susceptible de ser eliminada ou reducida (ver apartado de barreiras: Físicas, Sensoriais, Cognitivas, Estruturais, Comunicativas, Curriculares e Sociais).
Para realizar esa análise, podemos empregar o seguinte recurso: Informe de avaliación das NEAula.

Citamos algúns exemplos que poden condicionar a aparición deste tipo de condutas: as expectativas e/ou actitudes como docente, a situación socio-familiar, o sistema de relacións interpersoais dentro e fóra do contexto educativo, normas ou límites pouco claros ou inconsistentes, comunicación pouco fluída, programación de aula desaxustada, distribución espazo-temporal pouco comprensiva, proposta de actividades e materiais non accesibles, dinámicas paralelas, falta de motivación, tempos de recreo insatisfactorios, sistema de apoios ineficaz, etc.

Calquera elemento contextual, nun momento dado, pode chegar a provocar condutas desaxustadas que afecten ao clima de convivencia de maneira negativa, polo que as nosas intervencións pasan, na maioría de ocasións, por cambios e axustes en ditos elementos.

Polo tanto, no relativo ás condutas desaxustadas, podemos falar de certos condicionantes que interactúan entre si:

  1. Están directamente relacionadas co contexto no que se producen
  2. Teñen unha función adaptativa moi concreta para a persoa que as presenta
  3. As intervencións requiren:
    • Un profundo respecto e coñecemento da persoa: basearse en valores respectuosos da dignidade da persoa, das súas preferencias e das súas metas individuais
    • Un coñecemento dos seus contextos sociais e redes de apoio
    • Coñecer a función que desempeñan ditas condutas en ditos contextos
    • Rol facilitador do profesorado para proporcionar os apoios necesarios no relativo á accesibilidade e comprensión da situación
    • Importancia da coordinación á hora de establecer e manter os apoios, de maneira que se constrúa desde o consenso, o compromiso e a consistencia

O Apoio Conductual Positivo (ACP) pode ser unha alternativa eficaz ao manexo dos problemas de conduta, xa que ten como obxectivo reducir o comportamento problemático e aumentar as oportunidades do individuo para mellorar a súa calidade de vida. Baséase en valores centrados no respecto á dignidade da persoa, independentemente das súas capacidades ou da natureza e gravidade das súas condutas desaxustadas.

O ACP implica a realización dunha análise funcional para poder comprender os factores que desencadean e manteñen as condutas problemáticas, e así despois poder planificar estratexias de intervención que promovan o desenvolvemento de habilidades alternativas e  adaptacións ambientais acordes a cada situación e contexto e a cada persoa.

A finalidade última é conseguir resultados significativos a longo prazo. Por tanto, o éxito non se mide só pola diminución das condutas problemáticas, senón tamén polas melloras alcanzadas no uso de habilidades alternativas e na calidade de vida da persoa.

 

Á hora de xestionar conductas desaxustadas dentro da aula, deberemos  ter en consideración outros factores:

A importancia dos límites:

Os límites…

  • Marcan unha liña divisoria entre o que está permitido e o que non
  • Dan seguridade
  • Ensinan cales son as condutas adecuadas
  • Son unha aprendizaxe fundamental para a vida adulta
  • Axudan a establecer relacións

Os límites perden efectividade cando…

  • Non se transmiten de forma clara (múltiples formas de representación, de acción e expresión e de implicación), tanto no relativo á mensaxe como ao comportamento esperado
  • Son contraditorios, inconsistentes ou inestables
  • Non hai consecuencias positivas ou negativas
  • Esiximos algo que nós non practicamos, xerando unha discrepancia entre o modelo e as esixencias

Establecemento de normas:

Debemos evitar…

  • Chantaxe emocional
  • Ameazas
  • Xustificar a nosa actitude
  • Acompañar unha orde verbal de linguaxe non verbal contraditoria (dar unha orde rindo)
  • Forcexeos e descualificacións que falten ao respecto
  • Dar ordes en negativo (non berrar, non correr…)

O modelado:

Por último, debemos considerar a importancia da aprendizaxe por observación, xa que permite:

  • Adquirir novos patróns de resposta máis axustados por imitación (adquisición)
  • Fortalecer ou debilitar respostas (inhibición/desinhibición)
  • Facilitar a execución de condutas aprendidas con anterioridade por observación