Punto virtual :: Down Galicia

PUNTO VIRTUAL DE EDUCACIÓN
PREGUNTAS FRECUENTES

 

PREGUNTAS FRECUENTES

Como podo organizar o espazo da aula para garantir unha distribución axeitada e facilitar a participación de todo o alumnado?
Onde me situarei como mestre/mestra dinamizadora da clase e persoa de referencia e apoio?
Como podo organizar o espazo da aula para garantir unha distribución axeitada?

Podemos falar de educación inclusiva a través de diferentes definicións. Como sinala Ainscow (2001,  p. 44), “unha escola que non só acepta a diferenza, senón que aprende dela”, ou como definen Stainback e Stainback (1999,  pp. 21-35), “é a que educa a todos os estudantes na escola ordinaria”. Preguntarse cales poden ser as barreiras que en cada contexto escolar sosteñen a exclusión educativa, resulta ser unha das tarefas esenciais para o avance da inclusión.

Mais a noción de inclusión  non é algo propio do sistema educativo, senón que debería estar en harmonía coa noción dunha sociedade inclusiva que aprecia ese valor, e na que cada membro ten o seu lugar. Se trasladamos esta visión á nosa aula e ao noso centro, hai moitas maneiras de organizar o espazo, mais non todas favorecen a participación e inclusión do alumnado, polo que, evitando reproducir patróns sociais de exclusión e discriminación e na procura de favorecer tanto a participación como a accesibilidade aos contidos, actividades, avaliación, relacións… en igualdade de oportunidades, como profesorado debemos asumir a responsabilidade de construír un espazo de aprendizaxe facilitador, considerando diferentes factores:

  • A organización dos espazos condiciona, en gran medida, que se establezan unhas dinámicas ou outras, polo que o importante é converter a aula e o centro nun espazo de encontro, aberto e flexible, de apoio e participación, que favoreza a comunicación e a interacción entre o alumnado, pero tamén entre os diferentes membros que forman parte da comunidade educativa, considerando a aula e o centro educativo como un espazo de convivencia, un lugar aberto á participación, o intercambio e a creación de situacións e experiencias de ensinanza-aprendizaxe, un espazo deseñado e disposto para a aprendizaxe universal. Así, un entorno educativo acorde aos principios de accesibilidade universal será un entorno que facilite o desenvolvemento e uso do mesmo por calquera alumna ou alumno, desde unhas características de comprensión, comodidade, seguridade e autonomía persoal.
  • Cuestionar onde pousamos a mirada, cara onde miramos: a discapacidade, o alumno ou alumna, as barreiras que presenta o contexto. O noso foco de atención condiciona as nosas actuacións. Solo pousando a ollada nas barreiras e nas capacidades, poderemos asumir a responsabilidade de construír un espazo que permita a accesibilidade emocional, física, sensorial e/ou cognitiva, un lugar de aprendizaxe para todo o alumnado en igualdade de oportunidades.
  • Analizar o noso sistema de valores e crenzas: que vemos no alumnado: discapacidade ou diversidade, necesidades educativas especiais ou barreiras para a aprendizaxe, individualizar ou personalizar, adaptacións ou axustes, programación adaptada ou programación accesible, dificultades de aprendizaxe ou oportunidades de ensinanza, persoa con discapacidade ou contexto discapacitante… O espazo físico depende do espazo mental e sen unha boa predisposición mental non pode haber unha boa organización física. Se temos barreiras mentais estarán presentes na concreción do espazo real e non poderemos crear espazos inclusivos sen eliminar crenzas limitantes, paradigmas educativos e mentais tradicionais…
  • Neste sentido, esas mesmas crenzas condicionarán as expectativas que proxectamos no alumnado: teño sempre altas expectativas para todos e todas? Conto con todo o meu alumnado para organizar o espazo? Considero nesa organización que todos e todas poden aprender? Proporciono nese espazo os apoios necesarios?
  • Á hora de crear ambientes de aprendizaxe accesibles, ademais de considerar a aula completa como espazo didáctico favorecendo a liberdade de movemento, o mobiliario debe permitir a interacción, a autonomía e facilitar a visibilidade e o acceso aos materiais, polo que, á hora de estruturar a aula, é imprescindible deseñala dende a diversidade do alumnado, procurando evitar as barreiras que poidan condicionar a accesibilidade emocional, sensorial, cognitiva e ou física.
  • A importancia da coordinación e o traballo en equipo por parte do profesorado: estar predispostos á colaboración e o traballo en equipo é imprescindible para facilitar o acceso aos espazos e ás aprendizaxes de todo o alumnado. Para poder deseñar espazos de aprendizaxe flexibles e participativos é necesario facelo en compañía, considerando a todo o profesorado como un equipo comprometido coa inclusión, onde todas e cada unha poden desenvolver un rol de persoa de apoio en función das necesidades de cada momento.
  • Por último, para crear ambientes de aprendizaxe flexibles que faciliten a participación activa do alumnado, a aprendizaxe social e a aprendizaxe significativa vinculada coa vida real, deberemos construír un espazo que permita os agrupamentos heteroxéneos, xa que son unha estratexia organizativa que permite responder á diversidade do alumnado nunha mesma aula: agrupacións dinámicas e variables formadas por alumnos e alumnas que difiren en canto á súa maneira de aprender por ter distintos ritmos de aprendizaxe, coñecementos previos, habilidades, intereses, etc., así como diferenzas nas características persoais, sociais e familiares.

 

Este tipo de agrupamentos concede ao alumnado un papel protagonista na construción da súa propia aprendizaxe e un rol no profesorado, como facilitador e mediador no proceso de “Aprender a aprender”, proporcionando o apoio e acompañamento necesario en cada momento. Neste sentido, debe facilitar a mobilidade e a versatilidade permitindo realizar:

  • A titoría entre iguais: onde un alumno ou alumna con maior competencia nunha tarefa ensina a outro que necesita máis axuda.
  • A colaboración entre  iguais: onde dous ou máis alumnos e alumnas de igual nivel de competencia cooperan na mesma actividade.
  • A aprendizaxe cooperativa: onde un grupo de alumnos e alumnas de niveis heteroxéneos traballan conxuntamente cunha distribución das responsabilidades e unha planificación previa das actuacións.
  • Os grupos interactivos: onde a aula se organiza en grupos pequenos e heteroxéneos que colaboran a través de interacción dialóxica para resolver as actividades de aprendizaxe. Os titores e as titoras encárganse de coordinar as actividades da aula e cada pequeno grupo está a cargo dunha persoa adulta (poden ser persoas voluntarias da comunidade, familiares ou profesorado).
  • Docencia compartida: dispoñer dunha segunda persoa docente dentro da aula, de maneira que permita repartir a responsabilidade pedagóxica, onde ambos desenvolven a súa labor de mediadores e guías de aprendizaxe, considerando a aula dende unha perspectiva holística na que calquera pode ser susceptible de precisar ou prestar apoio. Neste sentido, o profesorado especialista asume un rol de profesorado de apoio, en colaboración coa persoa titora/profesora de aula. Deste xeito, a parella debe construír unha rede de apoio e colaboración deseñada para favorecer a participación, aprendizaxe e promoción, dentro do grupo, de todo o alumnado, evitando o illamento e exclusión. As intervencións individualizadas deberían quedar reducidas a situacións absolutamente excepcionais, como medida de apoio ao contexto grupal, pero nunca como solución permanente.

En resumo, un aula deseñada desde a perspectiva do Deseño Universal para a Aprendizaxe, debe permitir proporcionar múltiples formas de representación, de acción e expresión, e de implicación, asumindo a accesibilidade universal como principio fundamental.