Punto virtual :: Down Galicia

PUNTO VIRTUAL DE EDUCACIÓN
PREGUNTAS FRECUENTES

 

PREGUNTAS FRECUENTES

Que estratexias de xestión da aula podo empregar?

A pluralidade e diversidade nas aulas, o nivel de esixencia curricular e os tempos, entre moitos outros factores, poden xerar dinámicas de traballo en aula de difícil xestión: desmotivación, desinterese, condutas non apropiadas, conflitos, linguaxe ofensivo, ruído constante…

En primeiro lugar, é necesario ser conscientes de que non existen as variñas máxicas na educación. Os cambios, os avances e os progresos a nivel de xestión de aula sempre son froito do tempo, esforzo e implicación invertidos no proceso educativo.

A primeira orientación parte da comprobación da nosa aula como espazo seguro, é dicir, que existen recursos de acollida ante os conflitos individuais ou colectivos e alternativas de autorregulación dispoñibles para todo o alumnado. Algúns recursos ou cuestións a ter en conta son as seguintes:

  • Establecemento dun espazo físico de seguridade: recuncho da calma, mesa da paz… que os nenos e nenas poidan empregar de xeito espontáneo (non obrigado) en caso de necesitalo. Convén explicitar e acordar de forma conxunta unha serie de normas para o seu uso.
  • Establecemento dun espazo temporal de xestión de conflitos: unha sesión semanal dedicada á identificación de situacións que poidan estar influíndo nas dinámicas de grupo.
  • Normas de aula: pode ser interesante a elaboración dun documento vivo de aula no que se recollan aquelas normas ou orientacións de convivencia consensuadas polo grupo. Este documento deberá ser accesible para todo o alumnado (alternativas visuais, auditivas, apoios visuais de pictogramas, imaxes…)
  • Docente como modelo: é preciso ter en conta que os nosos alumnos e alumnas son esponxas que reproducen comportamentos e formas de relacionarse que observan nas persoas adultas de referencia. Resulta fundamental que coidemos e prestemos especial atención a avaliar, deconstruír e reconstruír actitudes, valores e perspectivas na medida que sexa necesario. A forma que teñamos de relacionarnos co noso alumnado e as expectativas que depositemos nel establecerá un punto de partida clave na forma en que eles e elas mesmas se relacionan.

Unha vez que verificamos a nosa aula como espazo seguro para a aprendizaxe e a convivencia, existen outros recursos que poden ser útiles como estratexias de xestión de aula.

 

Propostas sobre estratexias de xestión de aula:

  • Comprobar a aula como espazo seguro: recunchos de seguridade, normas de aula, espazo para a xestión de conflitos, docente como modelo, etc.
  • Docencia compartida: trátase dun modelo de xestión da aula en que unha segunda persoa docente entra na aula repartíndose a carga didáctica. Existen diferentes modalidades na docencia compartida que se poden consultar neste enlace
  • Programas de alumnado axudante e mediador – Sistema de Apoio entre Iguais
  • Recursos metodolóxicos: estacións de aprendizaxe, cupóns para reforzar, call and response, rúbricas claras e concretas que especifiquen o que se espera do alumnado, caixa de suxestións…
  • Estratexias de xestión de aula