Punto virtual :: Down Galicia

PUNTO VIRTUAL DE EDUCACIÓN
SERVIZO DE INCLUSIÓN EDUCATIVA

 

ACCESIBILIDADE – BARREIRAS CONTEXTUAIS

 

Un proxecto educativo comprometido coa inclusión debe identificar todas aquelas posibles barreiras que impiden e/ou dificultan a accesibilidade e participación de todo o alumnado no proceso educativo.

De acordo co Protocolo para a atención educativa do alumnado coa síndrome de Down e/ou discapacidade intelectual, podemos identificar os seguintes tipos de barreiras:

  • Barreiras sociais: Obstáculos mentais e actitudinais que condicionan a vida dunha persoa facendo que se sinta máis ou menos capaz e máis ou menos incluída.
  • Barreiras físicas: Obstáculos da contorna que impiden ou bloquean a mobilidade ou o acceso.
  • Barreiras sensoriais: Relativas á percepción sensorial, é dicir, á maneira en que percibimos a información a través dos sentidos.
  • Barreiras cognitivas: Relacionadas cos procesos mentais que interveñen na resolución de tarefas e actividades cognitivas.
  • Barreiras estruturais: Relativas aos obstáculos na articulación entre o modelo educativo, os trámites institucionais, a falta de medios de comunicación, a falta de coordinación entre os departamentos e as titorías, o outorgamento de becas e apoios, a inclusión nas actividades culturais, deportivas e/ou científicas, nos horarios escolares e nos servizos de atención.
    Así mesmo, as barreiras estruturais que contén o Protocolo para a atención educativa do alumnado coa síndrome de Down e/ou discapacidade intelectual da Xunta de Galicia, referentes a situacións de aprendizaxe nunha contorna desordenada, pouco predicible, inestable, sen organización do traballo…, poderían incluírse entre as barreiras físicas, sensoriais e/ou cognitivas, en función de cada caso.
  • Barreiras comunicativas: Relacionadas co feito de proporcionar diversas canles comunicativas, facilitando ao alumnado que poida expresarse e compartir as súas aprendizaxes empregando estes soportes.
  • Barreiras curriculares: Relativas á falta de flexibilidade e a homoxeneidade nas propostas educativas, nos materiais, nas metodoloxías, etc., condicionando a adquisición das aprendizaxes e o tipo de interaccións e relacións que se dan na aula.


Pincha na imaxe para descargar