PUNTO VIRTUAL DE EDUCACIÓN
SERVIZO DE INCLUSIÓN EDUCATIVA
SERVIZO DE INCLUSIÓN EDUCATIVA DE DOWN GALICIA
A educación inclusiva: un dereito fundamental
A educación é un dereito fundamental de todas as persoas, e facelo efectivo esixe garantir que todos os nenos e nenas, mozos e mozas teñan acceso a un sistema educativo de calidade en igualdade de oportunidades. Un sistema que recoñeza o valor da diferenza e apoie a todo o alumnado para conseguir o seu máximo desenvolvemento.
O dereito a unha educación inclusiva está avalado pola Convención Internacional da ONU sobre os Dereitos das Persoas con Discapacidade, que no seu artigo 24 recoñece o dereito á educación desde unha perspectiva de dereitos humanos, de acordo co modelo ecolóxico da discapacidade, e cos principios de respecto, non discriminación, participación e inclusión, e igualdade de oportunidades.
Nela establécese que os “Estados Partes asegurarán:
- Que as persoas con discapacidade non queden excluídas do sistema xeral de educación por motivos de discapacidade, e que os nenos e as nenas con discapacidade non queden excluídos do ensino primario gratuíto e obrigatorio nin do ensino secundario por motivos de discapacidade
- Que persoas con discapacidade poidan acceder a unha educación primaria e secundaria inclusiva, de calidade e gratuíta, en igualdade de condicións coas demais, na comunidade na que vivan
- Que fagan os axustes razoables en función das necesidades individuais
- Que preste o apoio necesario ás persoas con discapacidade, no marco do sistema xeral de educación, para facilitar a súa formación efectiva
- Que faciliten medidas de apoio personalizadas e efectivas en contornos que fomenten ao máximo o desenvolvemento académico e social, de conformidade co obxectivo da plena inclusión.”
Este é o noso marco normativo, de obrigado cumprimento en España dende a súa ratificación no 2008, que ampara cada unha das propostas recollidas neste Punto Virtual.
Características e aspectos fundamentais da educación inclusiva da Convención que dan forma á nosa filosofía e ás nosas actuacións:
- Un enfoque que implica a “todos os sistemas” e que inclúe a “todas as persoas”
- Unha “contorna educativa integral”
- Facer fronte ás diferentes formas de discriminación mediante a identificación e eliminación das barreiras xurídicas, físicas, de comunicación e lingüísticas, sociais, financeiras e de actitude nas institucións educativas e na comunidade
- Proporcionar contornas educativas accesibles, apoio personalizado e axustes razoables que reflictan o respecto e o valor da diversidade
- Creación de oportunidades para aproveitar o talento e os puntos fortes e únicos de todas as persoas
- Adoptar todas as medidas pertinentes, incluídas as medidas lexislativas, para modificar ou derrogar leis, regulamentos, costumes e prácticas existentes que constitúan discriminación contra as persoas con discapacidade e contraveñan o artigo 24
- As persoas con discapacidade deben ter acceso a unha educación primaria e secundaria inclusiva, de calidade e gratuíta, e levar a cabo unha transición gradual entre ambas as en igualdade de oportunidades. Para cumprir esa obriga, o sistema educativo debe ter catro características interrelacionadas: dispoñibilidade, accesibilidade, aceptabilidade e adaptabilidade
- Apoio ó persoal docente, para que reciba a formación en educación inclusiva e que dita formación se basee no modelo da discapacidade fundamentado nos dereitos humanos
- Adoptar medidas de acción positiva para garantir que a educación sexa un ben de calidade para todos
- Aplicar o enfoque do Deseño Universal para a Aprendizaxe para crear contornas de aprendizaxe adaptables e flexibles e cubrir as necesidades diversas de todos e todas as estudantes
- Desenvolver modos flexibles de aprender e ensinar
- Garantir as transicións efectivas
- O recoñecemento das asociacións como un activo que achega recursos e vantaxes
- A supervisión e avaliación continua para garantir que non se estea producindo nin segregación nin integración, xa sexa formal ou informalmente
Máis información:
Resumo do informe de seguimento da educación no mundo (2020)