• VIndependente

  • AtTempera (1)

  • Envellecemento (1)

  • Educacion (1)

  • Emprego_gal2018

METODOLOXÍA DIDÁCTICA

PUNTO VIRTUAL DE EDUCACIÓN :: PREGUNTAS FRECUENTES
CURRICULUM E AVALIACIÓN || CONDUTA E EDUCACIÓN|| ORGANIZACIÓN ESPAZOS ESCOLARES

 

Eu non podo dedicarlle máis tempo, porque teño máis alumnos e alumnas. Como podo facer para que traballe de forma autónoma?

Non se entera, non está atento cando explico. Cómo podo facer para que estea máis atento?

Se tivese máis horas de apoio fóra da aula, non podería progresar máis?

Qu poden aprender? Vai ser capaz de aprender os mesmos contidos que traballo cos demais na clase?

Os centros específicos … , non son máis adecuados para estes nenos/as  dado que, ao teren unha atención individualizada,  poden aprender máis?

Cando lle pregunto non contesta. Como podo saber o que aprendeu?

En cursos onde os contidos e a cantidade de información é maior, ademais cun maior nivel de abstracción, como poden seguir o ritmo do grupo?

Pode facer as mesmas actividades que os outros alumnos e alumnas?

 

Eu non podo dedicarlle máis tempo, porque teño máis alumnos e alumnas. Como podo facer para que traballe de forma autónoma?

Temos que partir dunha detallada planificación e organización das tarefas da clase, coordinando moi ben a distribución dos tempos:  o tempo de explicación, o tempo de traballo individual, o tempo e a forma de corrección…, así como a adaptación do material da clase para o alumnado con dificultade, tanto para a realización das tarefas como para explicación do tema apoiándonos en representacións visuais, a utilización de novas tecnoloxías,  a secuenciación minuciosa, …  partindo dunha presentación máis xeral e sinxela para pasar despois  a unha explicación máis detallada.

Para reforzar a autonomía no traballo temos que contar con actividades que lles gusten, que sexan sinxelas. Debemos ser menos esixentes e rigorosos coa realización da tarefa, reforzando máis o que esa tarefa poida realizarse sen axuda: unir, relacionar, cortar e pegar, subliñar, rodear, marcar … son exercicios motivadores que se prestan a realizacións autónomas. O nivel de dificultade requirido para estes momentos debe ser mínimo, deixando as tarefas complexas para os momentos de traballo autónomo do resto da clase na que nós poidamos apoiar máis de preto ao alumno ou alumna con dificultades.

Temos moitos alumnos e alumnas. Estes serán un dos instrumentos clave para  a inclusión e a xestión da clase se utilizamos  a estratexia de traballo en grupos cooperativos.

A aprendizaxe cooperativa baséase na interacción entre alumnos, en grupos heteroxéneos, para a realización de tarefas e actividades de aprendizaxe na aula. Desenvólvense hábitos de traballo en equipo, a solidaridade entre compañeiros e compañeiras e a autonomía dos alumnos no seu proceso de aprendizaxe.

A vantaxe dos grupos cooperativos e que, ademais de que todos o alumnado adquire os coñecementos propios do currículo, estamos traballando relacións interpersoais.  A mellora destas relacións interpersoais e das habilidades sociais van ser pezas fundamentais nunha  sociedade inclusiva.

O que se quere conseguir coa inclusión educativa é precisamente a participación e implicación de todos o alumnado no proceso educativo, que todos e todas sexan membros activos. Non se trata de que o profesorado lle dea una atención constante. Trátase de que poidan participar nas actividades e sexan parte do grupo de clase.

 

Non se entera, non está atento cando explico. Como podo facer para que estea máis atento?

A hora de formular as acción educativas e na planificación do traballo na aula debemos ter en conta o estilo cognitivo e de aprendizaxe do alumnado coa síndrome de Down.

Atender, concentrarse, supón moito esforzo e produce esgotamento e cansancio. Temos que coñecer cales son os momentos do día (ou da sesión) no que está máis atento, observar qué nos funciona para captar esta atención e controlar o tempo que pode manter a concentración na tarefa.

Polo xeral poderemos aumentar os momentos de atención nun ambiente libre de distraccións (escollendo  coidadosamente o espazo da aula  e os compañeiros e compañeiras de pupitre) e combinando momentos de traballo silencioso para toda a aula, momentos de interacción en parella ou pequeno grupo, momentos de distensión, … (dentro da mesma sesión).

É necesario organizar a información e os contidos que se van a presentar de forma clara e sinxela, apoiando a explicación con material  visual (fotos, debuxos , presentacións en Power Point, etc,. As explicacións xerais han de ser curtas.  Toda a clase se vai beneficiar disto.

Nas actividades de gran grupo o alumnado ten que respectar de forma estrita o turno de palabra nas intervencións en voz alta. Na medida do posible o neno ou nena con dificultades debería poder ver ao compañeiro ou compañeira que está intervindo, pois o apoio visual facilita a comprensión.

Tamén soen funcionar ben as roldas de intervencións continuada na que se inclúe ao alumno ou alumna con dificultades. A presenza  do profesor ou profesora preto do alumno ou alumna axúdalle polo xeral a centrar a atención.

Os exercicios de aprendizaxe e exercitación teñen que estar ben secuenciados. Para realizalos precisan dun gran esforzo de atención e de concentración e isto sucede tanto no traballo en clase como na clase de apoio, o que vai provocando un maior cansancio ao longo da xornada. ,).  As tarefas deberanse analizar e presentar paso a paso e as instrucións para a realización das actividades e a explicación das mesmas deben de ser cortas, claras e concretas. Hai que combinar actividades de máis esixencia con outras máis fáciles que non teñan ese nivel de esixencia e que garanten resultados exitosos con máis facilidade.

Contar co profesorado de apoio dentro da aula ordinaria facilita este proceso e sirve de modelo para a titorización entre iguais (que realizarán esta función cando non contemos con este profesorado de apoio na aula).

Tamén se aumenta a atención e concentración na tarefa de todo o alumnado cando o mestre ou mestra se move e pasea entre as mesas durante a realización do traballo individual.

 

Se tivese máis horas de apoio fóra da aula, non podería progresar máis?

Podemos ver máis progresos estritamente curriculares, pero non tanto nas relacións interpersoais, nin na autonomía de traballo na aula ordinaria nun contexto o máis normalizado posible. Co apoio dentro da aula ordinaria coidamos os aspectos curriculares e relacionais a un tempo.

Temos que ser  coñecedores das características do rapaz ou rapaza. Non sirve de nada que saiba facer moitas cousas cun adulto sempre ó seu lado nunha situación de laboratorio. Débese fomentar o traballo autónomo dentro da dinámica da aula ordinaria creando situacións de aprendizaxe motivadoras para manter a súa atención. A mellor maneira de conseguilo é mediante actividades próximas aos seu intereses funcionais (e útiles para a súa vida cotiá) e que lle reporten  unha grande probabilidade de éxito.

 

Que poden aprender? Vai ser capaz de aprender os mesmos contidos que traballo cos demais na clase?

O alumnado coa síndrome de Down ten un potencial de aprendizaxe e desenvolvemento que, cos apoios e axudas necesarios, lles permite alcanzar elevados niveis de logro nas aprendizaxes escolares, na súa capacidade de desenvolvemento autónomo e nunha adecuada inserción social. Son competentes para aprender cando se lles ofrece a oportunidade, se lles anima e se intervén con estratexias de ensino axeitadas.


O profesorado debe respectar o seu ritmo  de aprendizaxe  pero esixíndolles tarefas e comportamentos adecuados. Deben empregarse estratexias que se axusten a súa forma de aprender, proxectar expectativas positivas e confiar nas súas posibilidades valorando os éxitos conseguidos. Tamén han de transmitir esa confianza os compañeiros de clase, deixando atrás prexuízos relacionados coas súas dificultades.

Debemos traballar os mesmos contidos, con diferente nivel de esixencia e de aproximación, e adaptando ás posibilidades do alumnado.

 

Os centros específicos … , non son máis adecuados para estes nenos/as  dado que, ao teren unha atención individualizada,  poderían aprender máis?

O marco de desenvolvemento máis axeitado é o normalizado. A vida escolar, a convivencia cotiá cos compañeiros e compañeiras proporciónalles experiencias e modelos de conduta normalizados  e apropiados. Favorece a aprendizaxe entre iguais.

 

Cando lle pregunto non contesta. Como podo saber o que aprendeu?

O alumnado coa síndrome de Down non aprende ben de maneira indirecta e non asimila as convencións sociais por intuición. Por iso dende os primeiros anos debemos incidir na aprendizaxe de normas de comportamento e rutinas de funcionamento da clase, como poden ser moverse polo colexio de forma autónoma, esperar quendas, ou levantar a man cando ten unha dúbidas,… toda unha serie de dinámicas que son moi importantes para o funcionamento adecuado na aula.

Aparte debemos de ter en conta que reciben, procesan e organizan a información con dificultade e lentitude.  Polo que a súa capacidade de resposta tamén é máis lenta e debemos darlles tempo para respostar , e darlles algún apoio que lles axude a recordar. Temos que ter en conta que a súa capacidade receptiva  e comprensiva é superior a expresiva. A rapidez con que se lle demanda a resposta non axuda a que responda.

Un bo xeito de saber o qué aprendeu é pedirlle respostas que supoñan unha contestación oral ou escrita mínimas: marcar, unir, relacionar…

Procurarase utilizar termos concretos e coñecidos polo neno ou nena  (“Di o que é …”, en vez de Define; “Explica o porqué…”  , en vez de “Razoa ou expón as causas”, …)

Aproveitaremos situacións ordinarias e non só as situacións de “exame” para  coñecer o que sabe o neno ou nena sobre o tema a tratar.

É importante que participen na dinámica de exame ao igual que os seus compañeiros e compañeiras aínda que se adapten as preguntas ou se inclúan nas mesmas apoios  para favorecer a resposta.

 

En cursos onde os contidos e a cantidade de información é maior, ademais cun maior nivel de abstracción,  poden seguir o ritmo do grupo?

Empregaremos materiais didácticos adaptados ás súas posibilidades perceptivas, manipulativas, cognitivas e verbais. Especialmente a adaptación de textos de maior complexidade e nivel de abstracción.

Reforzaremos a aprendizaxe de conceptos abstractos con material concreto e/ou visual.

Pode tratar os mesmos temas que os seus compañeiros e compañeiras. Posiblemente teñamos que adaptar o nivel, pero trataremos os mesmos temas que os demais, facéndoos o máis útiles e prácticos posible.

Os profesionais da educación empregarán estratexias metodolóxicas axeitadas ao seu estilo de aprendizaxe: descomposición das tarefas por pasos secuenciados, maior tempo para a aprendizaxe, apoio e reforzo continuo (que se irá retirando progresivamente ata conseguir a aprendizaxe autónoma) e emprego de claves, referentes visuais e gráficas.

 

Pode facer as mesmas actividades que os outros alumnos e alumnas?

Si.

Pode e debe facer as mesmas actividades que os seus compañeiros e compañeiras, pero facer as mesmas actividades non implica necesariamente realizar os mesmos exercicios:

ActividadeExercicio
Gran grupo: O profesor explica e os alumnos e alumnas atenden e responden oralmenteGran grupo: O profesor explica e o alumno ou alumna coa SD atende e responde oralmente (as preguntas serán sinxelas, directas e personalizadas)
Tarefa escrita de traballo individual
Páx. 25, exercicios 2, 3, 4, 5
Tarefa escrita de traballo individual
Exercicios 2 e 3 da pax. 25, ou exercicios 2 e 3 da pax 25 adaptados, ou o exercicios 2 e 3 do caderno adaptado (dependendo da necesidade do alumno ou alumna coa SD)