BOAS PRÁCTICAS EN EDUCACIÓN INCLUSIVA

PUNTO VIRTUAL DE EDUCACIÓN

 

Neste apartado poderás atopar proxectos e iniciativas de éxito a prol da educación inclusiva levadas a cabo por distintos centros escolares de todo o país.

Desta forma, queremos impulsar a atención á diversidade e a inclusión educativa e poñer en valor as boas prácticas que se levan a cabo nos centros docentes.

 

CEIP do Foxo (A Estrada – Pontevedra)

“A Estrada Inclusiva”

Os “Proxectos educativos con vocación comunitaria” céntranse na construción dun Plan de educación inclusiva local a través do establecemento progresivo de redes educativas e sociais nas que converxen os distintos membros da comunidade implicados no proxecto.

 

O proxecto “La Voz de sus ojos” baséase no uso de Fotovoz, un método que emprega a fotografía e o diálogo para promover o cambio e a mellora social na escola.

 

CEP Antonio Magariños Pastoriza (Cambados – Pontevedra)

Os proxectos “Aprendendo a cooperar. Cooperar… para aprender” e “Aprendizaxe cooperativa e inclusión” baséanse no emprego da metodoloxía da aprendizaxe cooperativa como medida de atención á diversidade.

 

CPI Castroverde (Castroverde – Lugo)

O proxecto “Comunidades de Aprendizaxe” baséase nun novo modelo educativo, o coñecido como aprendizaxe dialóxico, no que se integra na comunidade educativa ao entorno do alumnado, primando o diálogo e o traballo colectivo.

Noticia La Voz de Galicia

 

CEIP Nosa Señora dos Remedios (Ponteareas – Pontevedra)

O proxecto “Senticolor” nace co obxectivo de introducir as TICs no funcionamento habitual das aulas para producir un cambio metodolóxico, promover a aprendizaxe colaborativa e a aprendizaxe por proxectos.

Bitácora do proxecto

 

CPI de Atios (Valdoviño – A Coruña)

A través de distintas metodoloxías (aprendizaxe cooperativa, materiais manipulativos, tarefas e proxectos multidisciplinares, intelixencia emocional, titorías entre iguais, etc.), o proxecto “Intelixencias múltiples” consegue que cada nena e neno teña a oportunidade de desenvolver as súas fortalezas.

Canle de Youtube Atios Valdoviño

 

IES Pino Manso (O Porriño – Pontevedra)

O proxecto “Entre todos é posible” baséase no emprego da metodoloxía da aprendizaxe cooperativa como medida de atención á diversidade na Formación Profesional Básica.

 

CEIP Carlos Casares (Xinzo de Limia – Ourense)

“Recunchos dinámicos inclusivos” baséase na metodoloxía da aprendizaxe cooperativa para fomentar a inclusión educativa.

 

IES Sanxenxo (Sanxenxo – Pontevedra)

A través de distintas actividades no horario de lecer, “Recreos alternativos” busca incluír ao alumnado con máis dificultades en habilidades sociais e diminuír a conflitividade.

 

CEIP O Coto (Negreira – A Coruña)

“Proxecto cociña” busca traballar de forma conxunta con nenos e nenas de 3 a 6 anos a través de distintas habilidades culinarias: creación, elaboración e degustación de receitas.

 

CEIP San Xoan de Filgueira (Ferrol – A Coruña)

“A miña escola, a miña familia” é un proxecto que se basea na educación en valores e na convivencia pacífica e que se vale do poder transformador da participación das familias no centro educativo.

 

Colexio Nosa Señora do Rosario (Arzúa – A Coruña)

No proxecto “Aprendizaxe cooperativa e cans terapéuticos” empréganse as novas tecnoloxías, os recursos do entorno, os cans terapéuticos e o Aprendizaxe cooperativo como ferramentas de traballo.

 

CEIP Nº1 Tui (Tui – Pontevedra)

A través de plataformas dixitais, o profesorado do centro conseguiu impartir teleformación empregando a metodoloxía DUA (deseño universal para a aprendizaxe) durante o confinamento, conseguindo comunicarse e deseñar propostas didácticas para todo o alumnado.

 

CEIP Luís Seoane (Oleiros – A Coruña)

1º Premio ás boas prácticas en inclusión educativa da Xunta de Galicia – Categoría Infantil e Primaria

O proxecto “Convive no Luís Seoane” ten como obxectivo a inclusión de todo o alumnado e, en especial, do alumnado con necesidades educativas especiais, a través de múltiples actividades: organizar as actividades de ocio nos recreos, mediar en conflitos entre compañeiros e compañeiras, mellorar as relacións, incluír ao alumnado máis tímido ou con necesidades específicas de apoio e fomentar o coidado da zona arborada do centro.

Noticia La Opinión de A Coruña

 

CEP Pilar Maestu Sierra (A Pobra do Caramiñal – A Coruña)

2º Premio ás boas prácticas en inclusión educativa da Xunta de Galicia – Categoría Infantil e Primaria

“A escola que soñamos e soñaremos” basea o seu bo facer na participación activa das familias. Unha escola que acolle á diferenza, na que todas as capacidades son benvidas, e que constrúe contornas seguras e acolledoras.

 

CEIP de Quiroga (Quiroga – Lugo)

3º Premio ás boas prácticas en inclusión educativa da Xunta de Galicia – Categoría Infantil e Primaria

O seu proxecto fai fincapé no diálogo e a axuda entre todos os membros que forman parte da súa comunidade educativa como instrumentos favorecedores da inclusión e da convivencia.

 

CEIP Gregorio Sanz (Ribadeo – Lugo)

Accésit nos Premios ás boas prácticas en inclusión educativa da Xunta de Galicia – Categoría Infantil e Primaria

Este proxecto desenvolve accións que fomentan que todo o alumnado xogue nos tempos de lecer a través da figura dos superdinamizadores e das superdinamizadoras (o propio alumnado).

 

IES Manuel Murguía (Arteixo – A Coruña)

1º Premio ás boas prácticas en inclusión educativa da Xunta de Galicia – Categoría ESO, Bacharelato e FP Básica

O proxecto “Musicalarteixo” ten a música e o cine como fío condutor para a inclusión. Desenvolven un proxecto social que fomenta a igualdade e a non discriminación e que sirve para compensar as desigualdades persoais, culturais, económicas e sociais presentes na realidade do centro.

 

IES Montecelo (Pontevedra)

2º Premio ás boas prácticas en inclusión educativa da Xunta de Galicia – Categoría ESO, Bacharelato e FP Básica

Co seu proxecto puxeron en práctica un modelo educativo que ten en conta as potencialidades e o benestar emocional do alumnado para favorecer o acceso a novas oportunidades de aprendizaxe que lle permita e facilite o camiño para o acceso ao mundo laboral.

 

EPAPU de Monterroso (Monterroso – Lugo)

3º Premio ás boas prácticas en inclusión educativa da Xunta de Galicia – Categoría ESO, Bacharelato e FP Básica

O seu proxecto céntrase en crear unha contorna de aceptación na que se xeren condutas sociais responsables, solidarias e respectuosas, promovendo a tolerancia, a liberdade, a xustiza, a igualdade entre homes e mulleres e o respecto polos dereitos de todos e todas.

 

IES Miguel Ángel González Estévez (Vilagarcía de Arousa – Pontevedra)

Accésit nos Premios ás boas prácticas en inclusión educativa da Xunta de Galicia – Categoría ESO, Bacharelato e FP Básica

“Marzo sen fronteiras” é un proxecto que pretende fomentar a participación na actividade física e o deporte das persoas con discapacidade, favorecendo a súa inclusión social.

Noticia El Economista

 

IESO Pinares de Pedrajas (Pedrajas de San Esteban, Valladolid)

O proxecto “Somos unha piña” aposta polo traballo en común e por proxectos coa finalidade de colaborar coa contorna do pobo de Pedrajas de San Esteban, mellorar a convivencia no centro e facilitar a implicación de tódolos membros da comunidade educativa nun obxectivo común.