Fundación Iberdrola, a través da súa Convocatoria 2011 de Axudas Sociais, aporta 20.000€ ao “Proxecto de Emprego con Apoio” que pon en marcha Down Galicia en colaboración coas súas Entidades Membros e no que contribúe financeiramente ademais a Consellería de Traballo e Benestar e a Fundación ONCE.
Un total de 24 persoas con discapacidade intelectual, en particular coa síndrome de Down, de toda a Comunidad Autónoma de Galicia que se atopan en busca activa de emprego contarán, a través do apoio económico da Fundación Iberdrola e de outros financiadores, cunha serie de apoios que facilitarán a súa inclusión socio-laboral no mercado laboral ordinario.
AS PERSOAS COA SÍNDROME DE DOWN REIVINDICAN O SEU DEREITO A TRABALLAR EN ENTORNOS LABORAIS NORMALIZADOS QUE LLES PERMITA CONTRIBUÍR AO DESENVOLVEMENTO DA SÚA COMUNIDADE
Todos os beneficiarios do proxecto desexan acadar un traballo porque teñen claro que ese é un espazo de recoñecemento público básico para a construción dun rol social activo e participativo e que así mesmo, dispoñer dun traballo lles permite acadar maiores cotas de autonomía e independencia, tanto a nivel social como económico.
Para iso, desde o movemento Down Galicia ponse en marcha este proxecto co obxectivo de facilitar a inclusión socio-laboral deste colectivo, no mercado de traballo ordinario garantindo, para elo, todos os apoios que tanto a persoa, a familia como o empregador necesitan.
Así, a través deste proxecto acadáronse xa 12 contratos para estes usuarios, garantíndolles unha experiencia laboral no mercado de traballo ordinario aínda que sexa a través dun período de prácticas laborais durante o cal o usuario se especializará nun determinado perfil profesional.
Por outro lado, desde DOWN GALICIA facemos un chamamento ás empresas, co fin de que estas proporcionen oportunidades de emprego ás persoas con discapacidade, especialmente coa síndrome de Down; xa que son unha parte fundamental para que este proxecto se poida desenvolver con éxito.