Ir o contido

O triatleta Borja Gómez, membro de Down Vigo, será o pregoeiro das Festas do Corpus Christi de Ponteareas

 

Borja Gómez vivirá un dos días máis especiais da súa vida este domingo, 15 de xuño. Ás 13:00 horas, será o encargado de dar o pregón das Festas do Corpus Christi de Ponteareas, a semana grande do municipio. A súa elección como pregoeiro representa un merecido recoñecemento aos seus logros deportivos, entre os que destaca o máis recente: completar en abril os case 260 km da esixente proba ciclista París-Roubaix.

Tal e como destacou a alcaldesa de Ponteareas, Nava Castro, “desde o primeiro momento tivemos claro que Borja reúne todo o que se espera dun pregoeiro: emoción, entusiasmo, fonda ligazón co pobo, alma alfombrista e a capacidade de transmitir enerxía, positividade e ilusión”.
Durante estes días previos, Borja terá que compaxinar a súa actividade deportiva coas rutinas nos distintos servizos de Down Vigo, entidade á que pertence, e a preparación dun reto tan ilusionante como é poñerlle voz á tradición, raíces e orgullo do seu pobo.

Acompañarano nesta aventura os seus pais, Calis e Montse; o seu adestrador; o Club Natación Darlim Ponteareas; o club ciclista que leva o seu nome; e, por suposto, o equipo de Down Vigo, que estará presente o domingo na lectura do pregón a través de varios membros da Xunta Directiva.

Un referente deportivo que rompeu moldes

Borja é, e quere ser, como os demais. Ter síndrome de Down fixo que tivese que demostrar máis: máis rapidez, máis esforzo e máis constancia. En 2018 logrou que se incluíra por primeira vez unha carreira inclusiva no Campionato de España de ciclocross, tras ser admitido como participante na categoría cadete.

Desde aquela, a súa traxectoria deportiva non deixou de medrar: participou en La Vuelta a España por etapas con Discamino, gañou a carreira de inclusión do Campionato do Mundo Máster en Hamburgo (2024), competiu tres veces no Tríatlon do Porriño (2022-2024), e estivo convocado pola selección galega para os Campionatos de España de ciclocross entre 2018 e 2024. Tamén participou no Duatlón Val de Soneira e competiu a nivel internacional en Bélxica e Francia.

Un vínculo firme entre Down Vigo e Ponteareas

O compromiso de Down Vigo con Ponteareas vai máis alá do apoio a Borja. Desde hai seis anos, a entidade colabora na Carreira Nocturna Vila do Corpus, organizada por Corredores Festeiros, cuxa recadación vai destinada a Down Vigo. Un exemplo máis da unión entre persoas, deporte e inclusión.