CONMEMORACIÓN DO DÍA MUNDIAL DA SÍNDROME DE DOWN

 

 

Este 21 de marzo conmemórase o Día Mundial da síndrome de Down.

Nacións Unidas aprobou en novembro de 2011 a declaración desta data, o 21 de marzo [21/03], como un símbolo en referencia á triplicación [trisomía] do cromosoma 21 que se traduce na condición xenética da síndrome de Down.

Desde Down Galicia queremos convidar a tódolos centros educativos de Galicia a dar visibilidade a esta alteración cromosómica e cremos que o Día Mundial da Síndrome de Down é a xornada perfecta para facelo. Por iso, sería moi interesante que o profesorado dos centros educativos galegos aproveitara este día para desterrar mitos e falsas crenzas entre o alumnado das súas aulas reforzando varios aspectos:

  • Que non hai dúas persoas coa síndrome de Down iguais
  • O esforzo das persoas coa síndrome de Down ou outras condicións para superarse cada día
  • A necesidade de empatizar e non poñer barreiras aos membros do colectivo

 

Como podedes dar visibilidade a esta alteración cromosómica?

1. Campaña polo Día Mundial da Síndrome de Down

A través da seguinte ligazón poderedes ver o vídeo das entidades Down de España para este Día Mundial da Síndrome de Down.

Campaña Down España “#NoSomosUnEstereotipo, somos mucho más” polo Día Mundial da Síndrome de Down

Ademais, poderedes sumarvos á campaña en redes sociais seguindo estas sinxelas instrucións.

 

2. Vídeos animados sobre a síndrome de Down

No seguinte enlace poderedes visualizar o vídeo divulgativo “Síndrome de Down. Guía rápida”. Trátase dunha peza de animación no que se explica de xeito moi sinxelo e visual que é a síndrome de Down e que poderedes empregar nas vosas aulas para traballar o concepto.

Para o alumnado de infantil e primaria recomendamos o Cromoconto, un vídeo protagonizado por un cromosoma e unha nena no que se explica, cunha linguaxe sinxela e próxima, que é a síndrome de Down e que significa tela. Con el quérense deixar atrás falsos mitos e despexar dúbidas, para coñecer con naturalidade e sen desinformacións o que é a síndrome de Down.

 

3. Libro “Xela celebra o seu aniversario”

A través desta ligazón poderedes acceder á versión online do libro de Os Bolechas “Xela celebra o seu aniversario: unha historia sobre a amizade sen barreiras e a síndrome de Down” que Down Galicia elaborou para intentar explicar ás rapazas e rapaces máis pequenos o que é a síndrome de Down e para romper mitos e estereotipos sobre esta alteración cromosómica.

 

4. Proxección de vídeos

Proxección dos vídeos “Por cuatro esquinitas de nada” (enfocado para infantil e 1º e 2º de Educación Primaria) e “El cazo de Lorenzo” para primaria e secundaria.

Reflexionamos sobre o vídeo: Que ten Lorenzo que non teñen outros nen@s? Como ven a Lorenzo as outras persoas cando vai arrastrando o cazo? Que cousas lle custan facer a Lorenzo cando vai arrastrando o cazo? Alguén acode a Lorenzo? Como axuda esa persoa a Lorenzo?

Darémoslle a cada participante o debuxo dun cazo, onde escribirá ou expresará de forma oral aquilo que se lle dá ben, e aquilo que lle custa.
“Todos somos un pouco Lorenzo”

 

5. Dinámicas de equipo

5.1. O mundo de cores:

Obxectivos:
– Experimentar a discriminación ó diferente
– Interpretar os criterios cos que conformamos os grupos sociais
– Reflexionar sobre a diversidade, “o natural é que sexamos diferentes”. “Todos os membros dunha sociedade contribuímos a enriquecela”

Duración aproximada: 10 minutos

Dinámica: Os alumnos e alumnas colocaranse en círculo e o profesor ou profesora irá colocándolles gomets con diferentes cores e formas e deixará a unha persoa cun gomet diferente ao resto. Daráselle aos alumnos e alumnas a consigna de facer equipos sen falar. Despois preguntaráselles que criterio seguiron (por exemplo: por forma, por cor,…). A continuación preguntaráselle a aquel alumno ou alumna que quedou só como se sentiu mentres os demais se agrupaban, e invitaráselle a reflexionar sobre porque tendemos a traballar cos que cremos iguais e rexeitamos o diferente. Deste xeito, non nos enriquecemos de estar cos que a “primeira vista” son diferentes por algunha característica, neste caso un gomet.

 

5.2. O ovillo de lá:

Obxectivos:
– Poñer en valor as diferenzas/similitudes do alumnado
– Poñer en valor as cualidades que aporta cada alumno ou alumna na aula

Duración aproximada: 15 minutos

Dinámica: Os alumnos e alumnas colocaranse en círculo. O profesor ou profesora colle por un extremo o ovillo de lá e o lanza a un alumno ou alumna dicindo unha cualidade súa. Este alumno ou alumna, sen soltar o ovillo, lánzao cara outro compañeiro ou compañeira e di unha cualidade ou algo que lle guste del. Así seguirán sucesivamente, sen soltar o ovillo, formando unha telaraña que representa a unión das fortalezas de cada neno ou nena da aula.

 

6. Colocación do cartel da campaña

Se queredes colaborar coa campaña de Down Galicia, poderedes facelo imprimindo e colgando nos vosos centros educativos o cartel conmemorativo. Descárgao premendo sobre o cartel:

 

7. Protocolo para a atención educativa do alumnado coa síndrome de Down e/ou discapacidade intelectual

Recordade que tamén tendes á vosa disposición o “Protocolo para a atención educativa do alumnado coa síndrome de Down e/ou discapacidade intelectual”.

 

8. Guía de estilo sobre persoas coa síndrome de Down e outras discapacidades intelectuais

Down Galicia editou a “Guía de estilo sobre persoas coa síndrome de Down e outras discapacidades intelectuais”, orientada a sensibilizar, positivizar e concienciar sobre a terminoloxía máis adecuada para referirse ás persoas pertencentes a este colectivo.

E tamén elaborou o vídeo “Como falar sen excluír nin discriminar”, coa mesma finalidade.

 

 

Moitas grazas pola vosa colaboración!