Down Ourense vén de rematar o programa de educación afectivo-sexual para persoas coa síndrome de Down e discapacidade intelectual levado a cabo durante o último mes en colaboración co Centro Quérote+ desta cidade.
No balance final desta colaboración, tanto o coordinador autonómico dos Centros Quérote+, Raúl Cadenas, como a vicepresidenta de Down Ourense, Mara Prieto, destacaron a importancia de superar os condicionantes persoais, familiares e sociais relacionados coa vida afectiva e sexual das persoas con diversidade funcional. De cara a acadar este obxectivo, leváronse a cabo unha serie de sesións e obradoiros orientados tanto a persoas coa síndrome de Down e discapacidade intelectual, como ás súas familias e aos profesionais da entidade.
Nesta primeira edición, traballouse directamente con 11 persoas coa síndrome de Down e con discapacidade intelectual e coa súa contorna, para avanzar nun aspecto clave da súa inclusión social, como é o xeito de relacionarse e construír os seus lazos afectivos. Para isto, tratouse de ofrecerlles recursos para que se convertan en suxeitos activos das súas propias relacións, axudándolles a aceptarse e a entender os seus sentimentos, a elixir e a interesarse polos demais.