A literatura pon ao noso alcance historias que non só entreteñen, senón que tamén nos permiten mergullarnos en experiencias enriquecedoras e incluso didácticas. Se falamos de libros sobre síndrome de Down, existen numerosas obras que poden ser de axuda á hora de convivir con esta condición e derrubar mitos e prexuízos. Desde contos infantís para nenos e nenas ata guías e historias inspiradoras para familias, neste artigo atoparás unha selección de libros actuais que axudan a explicar a síndrome de Down desde novas perspectivas e traballar a empatía e a compresión.
Libros infantís sobre síndrome de Down
Anastasia la valiente (Manuel Ferrero y José Luis Navarro)
Manuel Ferrero e José Luis Navarro cóntannos a inspiradora historia de Anastasia, unha nena valente coa síndrome de Down. A través das páxinas deste libro, os lectores e lectoras descubrirán como Anastasia enfronta desafíos e celebra os seus éxitos, promovendo valores de autoaceptación, inclusión e resiliencia.
3 cromosomas (Yani León)
3 cromosomas de Yani León utiliza un enfoque sinxelo e accesible para explicar a síndrome de Down aos nenos e nenas. A historia segue a un protagonista coa síndrome de Down, explorando de maneira amorosa e educativa a singularidade e as fortalezas que achega cada persoa á sociedade.
Pepita es especial (Fabiola Arroyo e Irene G. Lenguas)
En Pepita es especial, Fabiola Arroyo e Irene G. Lenguas presentan a historia de Pepita, unha nena coa síndrome de Down. O libro explora a vida cotiá de Pepita e destaca os seus talentos e singularidades, fomentando a aceptación e a comprensión nos lectores e lectoras máis novos.
Carlota, Marieta y el cofre de las ideas (Sara Mª Pérez Picarzo)
Un entrañable conto sobre a amizade e a imaxinación na infancia, a través da historia de Carlota e Marieta, dúas amigas que van xuntas a un colexio inclusivo no que nenos e nenas con e sen discapacidade aprenden xuntos. Unha delas é zurda e alérxica ao glute, mentres que a outra ten síndrome de Down. Podes ampliar información sobre o libro e ler unha entrevista coa súa autora nesta ligazón.
El mejor hermano contra el bullying (Down España)
Este libro en formato cómic elaborado por Down España en colaboración co Ministerio de Dereitos Sociais e Axenda 2030 mergúllanos na historia dun neno e o seu irmán coa síndrome de Down. Unha lectura amena que, ademais de explicar o que é a síndrome de Down, axúdanos a identificar o bullying e como actuar ante el. Tamén inclúe actividades para que os nenos e nenas entendan mellor ambas situacións.
Las preguntas de Delfina
Marisa Aguirre, psicóloga e nai dunha rapaza coa síndrome de Down, plasmou neste libro as dúbidas que lle formulaba a súa filla cada noite antes de ir durmir. Consciente de que, seguramente, as dúbidas de Delfina teríanas tamén outros nenos e nenas, quixo responder a elas en Las preguntas de Delfina, a medio camiño entre libro infantil e guía para familias. Unha lectura que fai fincapé nos valores de respecto e empatía que tan importantes son á hora de educar a futuras persoas adultas máis concienciadas ca súa contorna.
Tranquila (Jessica Requena)
Outro cómic, neste caso sobre a figura dos irmáns e as irmás de persoas coa síndrome de Down. Jessica Requena, a súa autora, escribiuno trala morte do seu irmán, para non esquecer nada dos seus 25 anos de vida. O resultado é unha historia que emociona e reivindica a importancia de “desfrutar cada segundo a pesar dos inconvenientes e dificultades que poidan xurdir na vida e no día a día”, en palabras da propia Jessica.
Xela celebra o seu aniversario (Pepe Carreiro)
Editado pola Federación Down Galicia e protagonizado polas personaxes dos Bolechas, esta lectura en galego (que pode lerse online) pretende concienciar ás xeracións máis novas sobre o valor da inclusión e a importancia de vivir nunha sociedade non excluínte. Pepe Carreiro utiliza a festa de aniversario de Xela, unha rapaza coa síndrome de Down, como fío condutor dunha historia que serve tanto para explicar a síndrome como para combater os mitos e prexuízos máis habituais sobre el.
Tengo síndrome de Down (Helena Kraljic)
Escrito por Helena Kraljic e ilustrado por Maja Lubi, o éxito deste conto no seu país de orixe, Eslovenia, fixo que se traducise máis tarde a outros idiomas, entre eles o español. O seu obxectivo é que os nenos e nenas comprendan, desde os seus primeiros anos de vida, que a síndrome de Down é soamente unha característica máis das persoas. A través da historia do protagonista, David, o libro promove a diversidade e a inclusión, rompendo mitos e desbotando visións estereotipadas sobre esta discapacidade. Está prologado polo presidente de Down España e a editorial, Ediciones Jaguar, destina parte dos beneficios de cada venda á Federación para seguir traballando en pro da inclusión.
Ata aquí a nosa selección de libros que deberían ler non soamente os nenos e nenas, senón tamén as súas familias e calquera persoa que queira fortalecer o seu compromiso cun mundo que celebre a diversidade e o entendemento. Para máis información en liña sobre a síndrome de Down, recorda que na revista trimestral de Down Galicia e na nosa sección de noticias encontrarás tamén artigos de interese, novidades e historias inspiradoras que che axudarán a empatizar e comprender esta realidade que afrontan cada día millóns de familias no mundo.