O Comité de Entidades de Representantes de Persoas con Discapacidade en Galicia (CERMI Galicia) manifesta a súa “enorme preocupación” pola repercusión dos recortes no sector da discapacidade.
Así o expresaron os representantes do Comité galego durante a celebración da súa Asemblea Anual en relación a como afectarán os recortes ás entidades que aglutinan ás persoas con discapacidade e ao labor que levan a cabo as mesmas.
Segundo o CERMI Galicia, isto, unido aos recortes anunciados en Sanidade e Educación, ocasionaría un atraso “moi importante” no Estado do Benestar, ao cal as persoas con discapacidade “non podemos renunciar”.
Ademáis, as entidades que aglutinan o CERMI Galicia manifestaron a súa inquietude pola situación de “retroceso” en atencións e recursos, que están a minguar ao movemento asociativo que presta estes recursos, o que, segundo explicaron, “produciría un retroceso nos logros alcanzados nos últimos anos polas persoas con discapacidade e as súas familias, non soamente no presente, senón de cara aos vindeiros anos”.