BBVA e Down Galicia asinaron na sede da entidade social en Santiago de Compostela un acordo de colaboración para a posta en marcha de unha nova edición do programa de formación práctica ‘Emprego con Apoio’, experiencia que comezou en 2012, e que promove a inclusión socio-laboral de persoas coa síndrome de Down e outras discapacidades intelectuais, e polo que un grupo de persoas usuarias da entidade social farán formación práctica en oficinas galegas da entidade financeira. A directora da Territorial Noroeste de BBVA, Guadalupe Hernández, e o presidente de Down Galicia, Delmiro Prieto, firmaron o acordo de colaboración en nome de ambas institucións.
O programa ‘Emprego con Apoio’ bota a andar de novo co obxectivo de facilitar o proceso de busca de emprego das persoas participantes, ademais de mellorar as súas habilidades sociais para a inclusión en diferentes equipos de traballo. Ao largo deste ano, un grupo de persoas usuarias de Down Galicia traballarán durante un período aproximado dun mes en distintas oficinas de BBVA de A Coruña, Santiago de Compostela, Vigo, Lugo e Ourense. O proxecto desenvolverase a través dun programa de capacitación para o emprego, un adestramento laboral no posto de traballo, un seguimento laboral continuado e unha formación permanente.
No acto de firma celebrado hoxe, Guadalupe Hernández, directora da Territorial Noroeste de BBVA, destacou que “a diversidade enriquece os equipos en ambos sentidos e aporta novos puntos de vista, así como experiencias diferentes”. “Temos ampla experiencia con este proxecto e cremos que as persoas con discapacidade que participan no programa gañan confianza, o que favorece a súa inclusión socio-laboral”, concluíu.
Pola súa parte, Delmiro Prieto, presidente de Down Galicia, resaltou a importancia das oportunidades laborais para as persoas coa síndrome de Down e a transcendencia deste tipo de iniciativas. “O apoio do tecido empresarial é crucial para que o futuro da nosa sociedade se base na igualdade, a equidade e a inclusión de todas as persoas”. Prieto quixo agradecer a BBVA a continuidade dun programa que ten como principal valor “a visibilidade que outorga ás persoas que participan no mesmo, posto que poderán ser percibidas polo público, os clientes do banco e os compañeiros e compañeiras de oficina como persoas útiles e capaces”.