A Consellería de Traballo e Benestar concedeu unha axuda económica a Down Galicia para contribuír ao seu mantemento e á realización das actividades do servizo para a promoción da autonomía persoal a desenvolver ao longo do exercicio 2014. Esta colaboración foi formalizada mediante a sinatura dun convenio entre o departamento autonómico e a Federación a comezos de ano. Así, foméntanse os programas especificamente deseñados para promover a autonomía e a integración social e laboral das persoas coa síndrome de Down e discapacidade intelectual, atendendo á experiencia, equipo humano e medios dos que dispón Down Galicia para desenvolver a atención requirida. Esta atención específica resúmese a través do Servizo para a Promoción da Autonomía Persoal (SEPAP) organizado en diferentes áreas de atención que comprende a atención temperá, a área de educación, de formación e emprego, de vida adulta e independente e unha área transversal. Deste xeito, actúase ao longo de todo o proceso vital da persoa, mellorando a súa autonomía, as súas condicións de vida e favorecendo a súa inclusión plena. O convenio asinado entre a Consellería de Traballo e Benestar e a Federación Down Galicia contempla os seguintes obxectivos de intervención:
- Ofrecer intervencións de habilitación funcional co fin de potenciar as súas habilidades e o seu benestar, posibilitando a súa normalización no medio familiar e social.
- Proporcionar asesoramento e apoio ás familias, como un dos principais axentes activos no proceso de inclusión da persoa con discapacidade.
- Desenvolver actuacións que permitan ás persoas con discapacidade acadar as máis altas cotas posibles de vida independente.
- Colaborar cos recursos comunitarios de formación, nos que estean integrados os usuarios, co fin de que así rendabilicen ao máximo os procesos de ensinanza e aprendizaxe e acaden a súa integración laboral.
- Promover a participación das persoas con discapacidade nas actividades de ocio e deporte normalizadas.
- Desenvolver accións de formación ocupacional e laboral que posibiliten a aprendizaxe e desenvolvemento de habilidades e coñecementos que lle faciliten a súa integración laboral.
- Garantir o dereito das persoas con discapacidade intelectual a expresar e vivir a súa sexualidade.
- Favorecer a difusión de información axeitada e positiva acerca das persoas con discapacidade intelectual.
- Promover proxectos de integración escolar, laboral, social, programas de saúde e todos aqueles que favorezan o desenvolvemento persoal e a plena inclusión das persoas coa síndrome de Down.