Elías Ledo Vázquez, un membro de Down Compostela de 29 anos coa síndrome de Down, acaba de comprobar que todo esforzo ten a súa recompensa. Así, tras moitos meses de intenso traballo, vén de saber que conseguiu unha praza de uxier no Parlamento de Galicia.
Comezou a preparar oposicións no ano 2012 e centrouse nesta convocatoria no momento en que foi feita pública, iniciando os seus estudos en setembro de 2017.
O proceso selectivo, ao que se presentaron máis de 200 persoas de toda Galicia, estaba reservado a persoas que acreditasen unha discapacidade intelectual e tiña por obxecto impulsar a inserción laboral do colectivo. Esta é a primeira vez na historia do Parlamento de Galicia na que a institución contempla unha reserva de prazas deste tipo.
Tras coñecer a boa nova, Elías amosouse “moi contento por conseguir este traballo”, que lle permitirá avanzar na súa loita por levar unha vida máis autónoma e independente.
Pola súa banda, Delmiro Prieto, presidente de Down Galicia, salientou a súa satisfacción absoluta pola consecución desta praza e reivindicou que “esta é unha proba máis que demostra as capacidades das persoas coa síndrome de Down para desenvolver un traballo”.
Juan Martínez, presidente da Fundación Down Compostela, engadeu que “Elías conseguiu o obxectivo que ven perseguindo tras moitos anos de traballo e esforzo. Ao igual que outras persoas coa síndrome de Down e discapacidade intelectual, foi quen de superar unha oposición e incorporarse ao emprego público. Desexamos que todas as administracións sigan o exemplo do Parlamento de Galicia e doutras administracións que lle dan unha oportunidade ás persoas con discapacidade intelectual”.
Outro soño cumprido en Ourense
Hai un mes o Diario Oficial de Galicia publicaba a adxudicación de prazas reservadas en exclusiva para persoas con discapacidade intelectual, na categoría de ordenanza. Das prazas ofertadas, unha será para Jacobo Rey González, un mozo coa síndrome de Down membro de Down Ourense, que considera este éxito “un soño feito realidade”.
Comezou a preparase en xaneiro de 2015 e o de ordenanza é o terceiro proceso selectivo ao que se presenta. Durante meses, coa constancia por bandeira, Jacobo dedicou moitas horas do seu día a día ao estudo desta oposición.
A reivindicación do Emprego Público
O acceso ó emprego público para as persoas con discapacidade intelectual en xeral, e coa síndrome de Down, en particular, é unha das reivindicacións históricas da Federación Down Galicia.
O feito de que as primeiras convocatorias se fixeran conxuntamente para o colectivo de persoas con algunha discapacidade – xa fose intelectual, física ou sensorial-, implicaba que non se tiña en conta que as dificultades dos diferentes grupos de persoas con discapacidade non son as mesmas. Considerando que cada tipo de discapacidade ten unhas particularidades propias, Down Galicia sempre reclamou que as adaptacións nas probas de acceso fosen específicas para cada grupo, xa que non é posible unha equiparación real de oportunidades de non terse en conta as diferenzas de partida.