Down Lugo aposta por un verán activo con propostas deportivas, culturais e de educación ambiental

O mes de xullo e o inicio de agosto deixaron en Down Lugo un amplo calendario de actividades orientadas ao lecer, á participación e á aprendizaxe. As persoas usuarias da entidade participaron en diferentes propostas deportivas, culturais e ambientais que lles permitiron descubrir novas disciplinas, coñecer mellor a súa contorna e desfrutar de experiencias compartidas.

Entre actividades desenvolvidas estiveron unha xornada de piragüismo no río Miño, un día de tenis de mesa, un roteiro pola Lugo romana e un proxecto de educación ambiental desenvolvido durante varios venres. Ademais, o pasado 1 de agosto a asociación participou na primeira Xira Down de Ribadeo, unha iniciativa centrada na inclusión e na participación social.

Unha xornada de piragüismo no río Miño

O pasado martes 21 de xullo, as persoas usuarias de Down Lugo desfrutaron dunha xornada de piragüismo no río Miño en colaboración co Club de Piragüismo Cidade de Lugo. Durante a actividade, tiveron a oportunidade de probar diferentes embarcacións, entre elas o barco dragón e os kayaks, nunha proposta que combinou deporte, diversión e contacto coa natureza.

A xornada permitiu aos participantes achegarse a unha nova disciplina deportiva e experimentar o traballo en equipo nun contorno natural.

O tenis de mesa tamén se incorpora ás propostas deportivas

O deporte volveu ser protagonista noutra das actividades desenvolvidas este verán, nesta ocasión a través dunha xornada de tenis de mesa coa colaboración do CD Deportivo Dez Portas. As persoas usuarias da asociación puideron coñecer e practicar esta disciplina nunha sesión na que non faltaron a actividade física e os momentos de diversión.

Esta iniciativa forma parte da aposta de Down Lugo por achegar as persoas coa síndrome de Down e outras discapacidades intelectuais a diferentes modalidades deportivas e favorecer así un lecer activo e compartido.

Un roteiro para descubrir o Lugo romano

A historia e o patrimonio da cidade ocuparon tamén un espazo na programación de Down Lugo. As persoas usuarias da asociación participaron nun roteiro pola Lugo romana guiado por Fus, da Fundación Breogán, no que percorreron algúns dos lugares máis representativos da cidade mentres coñecían diferentes aspectos da vida na antiga Roma.

A actividade permitiulles achegarse ao patrimonio histórico lucense dun xeito diferente, combinando os contidos culturais coa convivencia e o desfrute dunha tarde compartida.

Educación ambiental para coñecer e coidar a contorna

Durante varios venres do mes de xullo, Down Lugo desenvolveu un proxecto de educación ambiental co obxectivo de favorecer o coñecemento da contorna e reflexionar sobre a importancia do seu coidado. Ao longo das diferentes sesións, as persoas participantes traballaron cuestións relacionadas co reciclaxe, a observación dos espazos urbanos e naturais, o funcionamento do composteiro e o coidado da horta do piso de vida independente.

O proxecto incluíu tamén unha visita ao río Rato, onde realizaron actividades de observación da biodiversidade e recolleron mostras físicas e fotográficas para coñecer mellor a riqueza natural da zona. Como peche, levaron a cabo un traballo de campo de fotografía ambiental polo centro da cidade, unha proposta coa que puideron identificar diferentes elementos da contorna e poñer en valor a importancia de coidala.

Ribadeo acolle a primeira Xira Down baixo o lema ‘A tradición tamén é inclusión’

O pasado 1 de agosto celebrouse en Ribadeo a primeira Xira Down, unha iniciativa impulsada polo Concello de Ribadeo no marco das festas patronais baixo o lema ‘A tradición tamén é inclusión’. A proposta nace coa finalidade de favorecer a participación activa das persoas coa síndrome de Down nunha das principais celebracións do municipio e contribuír a que as festas sexan un espazo de encontro aberto a toda a cidadanía.

Ao longo da xornada, persoas coa síndrome de Down, familias e veciñanza puideron compartir diferentes actividades, entre elas música tradicional, obradoiros de pintura, comida e baile. A iniciativa serviu así para crear un espazo de convivencia e diversión e, ao mesmo tempo, para seguir avanzando na visibilización da diversidade e na construción dunhas festas máis inclusivas.

Con estas propostas, Down Lugo continúa promovendo durante o período estival actividades que favorecen o lecer inclusivo, a participación na comunidade e o desenvolvemento de novas aprendizaxes e experiencias por parte das persoas usuarias da entidade.

Ir o contido