Renfe e a Federación Galega de Institucións para a síndrome de Down (Down Galicia) chegaron a un acordo de colaboración para dar visibilidade ao Día Mundial da Síndrome de Down, que se celebra en todo o mundo o próximo 21 de marzo.
Para iso a Operadora colocará máis de 2.000 repousacabezas nos seus trens de Servizo Público de Galicia que circularán polo Corredor Atlántico durante os días previos e posteriores á data.
Esta colaboración enmárcase dentro da Responsabilidade Empresarial de Renfe que ten como finalidade promover de forma continua o seu compromiso cos grupos de interese que pivotan ao redor de catro eixos fundamentais: a Sociedade e a Accesibilidade, a Cultura/Educación e Deporte, a Sustentabilidade e o Medio Ambiente, así como un compromiso Ético e de Bo Goberno.
Coa campaña “Tan diferentes como iguais”, a Federación Down Galicia pretende poñer en valor o concepto da diferenza e dar visibilidade á idea de que ningunha persoa é igual a outra e que, precisamente, esa diferenza é a que nos enriquece como sociedade.
Nacións Unidas aprobou en novembro de 2011 a declaración desta data, o 21 de marzo [21/03], como un símbolo en referencia á triplicación [trisomía] do cromosoma 21 que se traduce na condición xenética da síndrome de Down.