Para conmemorar o Día Mundial da Síndrome de Down, que se celebra en todo o mundo este domingo 21 de marzo, Down Galicia súmase un ano máis á iniciativa internacional dos calcetíns desparellos.
Esta campaña busca concienciar e apostar pola importancia da inclusión e da diversidade. Deste xeito, preténdese poñer en valor o concepto da diferenza e dar visibilidade á idea de que ningunha persoa é igual a outra e que, precisamente, esa diferenza é a que nos enriquece como sociedade.
Por iso queremos encher as redes sociais de calcetíns de todas as cores e estampados coas etiquetas #DíaMundialSindromeDown, #TanDiferentesComoIguais e #CalcetinsDesparellos. Axúdasnos?
Esta iniciativa ten a súa orixe no Reino Unido, onde Chloe Lennon, unha nena británica de 5 anos, publicou en 2018 un vídeo en redes sociais pedindo que, para conmemorar este día, todas as persoas levasen calcetíns distintos en cada pé. A súa proposta traspasou fronteiras e foi compartida por preto dun millón de persoas.