Down Pontevedra Xuntos participa nunha xornada sobre alimentación saudable a través dos legumes

Once persoas usuarias de Down Pontevedra Xuntos participaron o pasado mes de xuño na actividade «Legumes 360 graos», unha iniciativa organizada pola Asociación Veciñal San Roque de Pontevedra para fomentar a alimentación saudable, a autonomía persoal e a inclusión social a través da cociña.

Por unhas horas, o local da asociación veciñal transformouse nun auténtico laboratorio de improvisación gastronómica, onde os aromas a cilantro, salvia, comiño e pemento asado foron os protagonistas dunha xornada de convivencia e aprendizaxe en inclusión. Loreto Díaz Lorente, presidenta do colectivo veciñal de San Roque, exerceu de anfitriona desta iniciativa, que busca abrir os espazos do barrio á inclusión real a través dun acto tan cotián e universal como cociñar e compartir.

Ao fronte dos fogóns estivo o nutricionista David Torres Regueiro. «É un obradoiro de creatividade na cociña, utilizando unha combinación de proteína vexetal, legumes e un farináceo», explicou o especialista do Sergas. O reto consistía en deseñar un prato completo, saboroso e equilibrado a partir dunha base vexetal, coa premisa de potenciar o sabor dos alimentos empregando elementos aromáticos en lugar de recorrer ao sal.

Divididas en catro pequenos grupos de traballo de tres e catro persoas, as participantes enfrontáronse a unha mesa de intendencia chea de alubias, garavanzos, patacas e un colorido surtido de verduras de tempada. Sen un guión establecido, as regras esixían intuición e ousadía. «Improvisaron, inventaron, desenvolveron un pouco a creatividade sobre a marcha cos elementos e as regras», relataba con orgullo o nutricionista, sorprendido polo talento amosado nos fogóns de San Roque. «Os pratos finais quedaron moi, moi ben, e cun sabor moi bo tamén».

Máis alá do valor nutricional dos pratos, a xornada deixou unha lección indispensable sobre a perda de complexos no fogar. «Hai que perderlle o medo aos fogóns, perderlle o medo a que saia mal. E se un día sae mal, pois rectifícase ao día seguinte o que sucedeu», concluía David Torres Regueiro, sintetizando o espírito dunha mañá na que o barrio de San Roque saboreou a inclusión no seu sentido máis amplo.

A colaboración entre Down Pontevedra Xuntos e a Asociación Veciñal San Roque permitiu crear un contexto de aprendizaxe compartida no que a cociña se converteu nunha ferramenta para promover a participación social e o desenvolvemento da autonomía persoal.

Ir o contido