A Consellería de Promoción do Emprego e Igualdade financiou a contratación de nove persoas desempregadas durante o pasado exercicio 2022-2023 para cubrir distintos postos de carácter técnico en varios dos centros de traballo da Federación Down Galicia baixo o proxecto “Servizo de Promoción da Autonomía Persoal: Proxectos reforzo 2022-2023”.
Mediante estas contratacións, dúas de xornada completa durante nove meses e sete de xornada parcial durante un ano, deuse cobertura a diferentes áreas e programas que conforman o Servizo de Promoción da Autonomía Persoal para persoas coa síndrome de Down e discapacidade intelectual (SEPAP). Nesta ocasión, o persoal contratado desempeñou o seu labor nos programas de “Vida Adulta e independente”, “Formación e emprego”, “Emprego Con Apoio” e “Transversal: Coordinación, Administración e Xestión”.
O Servizo de Promoción da Autonomía Persoal de Down Galicia céntrase en proporcionar ás persoas coa síndrome de Down e outras discapacidades intelectuais os recursos adecuados que permitan a súa participación na comunidade da forma máis autónoma e independente posible, mediante o fortalecemento dos seus propios recursos e o adestramento da súa autonomía persoal.