As entidades Down de Galicia reivindican no Día da Discapacidade unha sociedade inclusiva a través do CERMI e Baixo o mesmo paraugas

Hoxe, 3 de decembro, conmemórase o Día das Persoas con Discapacidade. Unha xornada na que o Movemento Down alza a voz co resto de entidades do ámbito para visibilizar unha vez máis as súas reivindicacións e a representación dunha gran parte da sociedade que convive ou defende os dereitos e a realidade da poboación con discapacidade.

Nesta ocasión, a conmemoración do 3D das entidades Down de Galicia vertébrase a través do CERMI (Comité Español de Representantes de Personas con Discapacidad), e a iniciativa Baixo o mesmo paraugas, que abrangue máis de 100 entidades sociais galegas.

Acto central do CERMI galego en Santiago

O CERMI Galicia programou para este mércores ás 12:00, no Edificio CINC da Cidade da Cultura de Santiago, o seu Acto institucional polo Día das Persoas con Discapacidade. O organismo representativo da discapacidade convoca este acto xunto coa Consellería de Política Social e Igualdade.

Precisamente a conselleira, Fabiola García, será unha das persoas que interveñan nesta conmemoración xunto co presidente do CERMI Galicia, Ramón Sestayo. Estará presente tamén Delmiro Prieto, presidente da Federación Down Galicia, e intervirá Rebeca Munín, vicepresidenta de Down Compostela, a través do debate “As familias: Impulso da autonomía e piar dos coidados”, punto central do acto.

Ademais, na cita estréase o vídeo do Día da Discapacidade 2025, que este ano as entidades do CERMI Galicia dedicamos á relación familiar, crianza e discapacidade, como eixo da forza dos movementos sociais deste ámbito.

Manifesto do CERMI estatal

O manifesto do 3 de decembro, feito público polo CERMI Estatal, chama a reforzar o piar social da Unión Europea no 40 aniversario da adhesión de España ao club, afirmando que “sen unha dimensión social forte non hai Europa posible” e reafirmando que “a Europa inclusiva non é só unha aspiración, senón unha obriga política e moral inaprazable”.

Precisamente, o manifesto leva por título “40 años de España en la Unión Europea: sin dimensión social no hay Europa”, e artella as demandas da discapacidade arredor de 12 puntos:

Accede aquí ao manifesto

Enchendo as rúas ”baixo o mesmo paraugas”

De xeito complementario, vén de lanzarse a décima edición da campaña Baixo o mesmo paraugas, á que se suman máis de 100 entidades de discapacidade de toda Galicia. Baixo o lema #Xente10, o movemento destaca unha década de traballo conxunto na visibilización e defensa dunha sociedade máis xusta e inclusiva. A iniciativa pon o foco nas capacidades das persoas con discapacidade, que reivindican ser “#Xente10 para todo”, desde traballar ou cociñar ata coller o autobús ou realizar calquera tarefa cotiá.

A través desta iniciativa, moitas das entidades Down saen a rúa para achegar as súas reivindicacións, e chaman a toda a cidadanía a apoiar, cos seus paraugas de cores, as convocatorias que se desenvolven ao longo de toda a xeografía galega.

  • A Coruña ás 11:30 no Parrote (inclúe marcha)
  • Lugo ás 12:00 na Praza Maior (inclúe marcha)
  • Ourense ás 11:30 no Parque de San Lázaro (inclúe marcha)
  • Pontevedra ás 12:00 na Praza da Peregrina
  • Santiago de Compostela ás 12:00 na Praza do Obradoiro
  • Vigo ás 11:00 xunto ao Edificio da Xunta de Galicia (inclúe marcha)
  • Cee ás 12:00 na Praza 8 de Marzo
  • Ribeira ás 10:30 na Praza de España (cancelado)
  • Porto do Son ás 10:30 no Porto (cancelado)
  • A Pobra do Caramiñal ás 10:30 na Praza do Museo de Valle Inclán (cancelado)
Ir o contido