As persoas coa síndrome de Down reclaman os seus dereitos con motivo do Día Mundial desta alteración cromosómica

Co gallo da conmemoración do Día Mundial da síndrome de Down, que se celebra hoxe en todo o mundo, as entidades Down de Galicia, en representación das persoas con esta alteración cromosómica e outras discapacidades intelectuais, alzan a súa voz para reclamar, unha vez máis, unha sociedade máis inclusiva, diversa e plural.

Nacións Unidas aprobou en novembro de 2011 a declaración do 21 de marzo como Día Mundial da Síndrome de Down. Establécese esta data, o 21 de marzo [21/03] como un símbolo, en referencia á triplicación [trisomía] do cromosoma 21 que se traduce na condición xenética da síndrome de Down.

Nesta ocasión, e dada a situación de alarma que se está a vivir en todo o país, a Federación Down Galicia, xunto coa asociación Down Coruña, decidiron cancelar o acto que ambas entidades ían celebrar na cidade herculina o propio sábado 21 de marzo.

Este evento incluía a entrega dos VII Premios Down Galicia, que teñen por obxecto recoñecer o labor a prol da promoción da autonomía e igualdade das persoas coa síndrome de Down, realizado tanto por institucións e entidades como por persoas particulares. Os premios, que serán entregados nunha data aínda por determinar, recaeron nesta ocasión en Vegalsa-Eroski, na categoría institucional, e en Carlos Negreira, na categoría particular.

 

Principais demandas do Movemento Down en Galicia

Son moitas as reivindicacións que as persoas coa síndrome de Down e outras discapacidades intelectuais levan poñendo de manifesto desde hai anos. Demandas amparadas na Convención sobre os Dereitos das Persoas con Discapacidade, aprobada pola ONU en 2006 e ratificada polo noso país o ano seguinte.

En primeiro lugar, unha atención temperá pública e de calidade. Desde a Federación Down Galicia consideramos necesario ter regulada e funcionando unha rede pública e gratuíta de atención temperá que responda ás necesidades dos nenos e nenas de 0 a 6 anos.

Unha educación inclusiva e non segregadora. Debemos ter en conta que se se segrega ao alumnado, sexa cal sexa a causa, sobre todo nunha idade temperá, non estamos avanzando na construción dunha sociedade tolerante e respectuosa coa diferenza e coa diversidade. A atención á diversidade é de vital importancia para a construción de sociedades máis xustas e enriquece tanto a aquelas persoas que presentan algunha dificultade como ao resto.

Para promover e asegurar unha educación e unha aprendizaxe de calidade para as persoas coa síndrome de Down e outras discapacidades intelectuais en igualdade de condicións que o resto do alumnado, debe existir unha regulación axeitada da atención á diversidade. Tamén se deben adaptar materiais e metodoloxías na aula e nos centros educativos; normalizar a prestación de apoios para que o alumnado con necesidades de apoio compartan non só espazos, senón tamén actividades e experiencias; e tamén regularizar as certificacións de estudos para garantir unha acreditación que permita ao alumnado con discapacidade con necesidades de apoio educativo lograr unha titulación para a continuación dos seus estudos ou para o desempeño laboral se superan as materias con adaptación curricular.

Down Galicia aposta tamén polo emprego inclusivo, xa que o acceso a un posto traballo é un dereito universalmente recoñecido. Desde a Federación demandamos o aumento da inversión no eido do emprego inclusivo e unha aposta clara pola promoción de políticas de emprego de inclusión laboral na empresa ordinaria, en lugar da preferencia amosada por parte das administracións polos centros especiais de emprego.

Tamén é necesario coñecer as necesidades de atención e diagnóstico no proceso de envellecemento das persoas coa síndrome de Down e outras discapacidades intelectuais. Trátase dunha nova realidade que xa evidencia carencias existentes para afrontar esta situación, xa que en moitas ocasións se normaliza a deterioración física e/ou cognitiva como algo habitual das persoas con esta condición xenética.

Por último, a Federación demanda a desaparición, por inaceptablemente discriminatoria, de calquera proceso, xudicial ou administrativo, polo que se retire, elimine, prohiba ou simplemente se restrinxa a capacidade de obrar dunha persoa por razón da súa discapacidade (as chamadas incapacitacións) e a eliminación de toda institución substitutiva da vontade civil das persoas con discapacidade, xa se trate de tutelas, curatelas ou calquera outra institución similar. No seu lugar, solicítase a instauración do novo sistema de apoios á capacidade de obrar, formulado pola Convención sobre os Dereitos das Persoas con discapacidade.

Ir o contido