A asociación Down Lugo vén de iniciar a terceira edición do Obradoiro de Vida Independente coa Universidade de Santiago de Compostela. Unha iniciativa formativa pensada para promover a autonomía persoal, a autoestima e a participación activa das persoas coa síndrome de Down e outras discapacidades intelectuais na vida comunitaria. Esta acción realízase en colaboración cos graos de Enfermaría e de Xestión Cultural, no marco do programa de Voluntariado do Campus de Lugo.
O obradoiro, que se desenvolve na Facultade de Enfermaría da cidade amurallada todos os xoves, arrincou o 29 de xaneiro e prolongarase ata o 30 de abril, configurándose coma a edición de maior duración –tres meses– e con maior participación desde a súa posta en marcha.
Nesta edición participan 5 persoas usuarias de Down Lugo xunto con 14 estudantes dos graos de Enfermaría e de Xestión Cultural, superando o número de alumnado implicado nos anteriores cursos e reflectindo o éxito da colaboración entre a entidade e a universidade. Ademais, están implicados catro docentes, dous de cada grao, que coordinan a acción formativa xunto ao equipo profesional da asociación.
Un espazo de aprendizaxe compartido
O obradoiro artellase arredor de sesións semanais centradas en temas fundamentais para a vida independente, integrando contidos sobre autonomía persoal, saúde e vida cultural. A metodoloxía inclúe accións e entrevistas preparadas conxuntamente entre o alumnado universitario e as persoas usuarias, así como visitas a espazos comunitarios, como o Hospital Universitario de Lugo (HULA), onde se traballa a sensibilización para garantir un trato en igualdade de condicións e o respecto aos dereitos das persoas con discapacidade.
Esta actividade supón un espazo de traballo de igual a igual onde o alumnado universitario e as persoas usuarias aprenden xuntos, compartindo experiencias e construíndo novos coñecementos desde a diversidade. Grazas a esta dinámica, as persoas tamén aplican estes aprendizaxes fóra do obradoiro: acoden á facultade en autobús urbano e participan nos descansos na cafetería do campus, convivindo con outras e outros estudantes e vivindo experiencias de inclusión na práctica.
O Obradoiro de Vida Independente, fortalecido tras dúas edicións previas, constitúe un exemplo de colaboración interxeracional e interdisciplinaria entre a asociación Down Lugo e a USC, e reafirma o compromiso de ambas institucións coa creación de espazos que favorezan a inclusión social, a formación en valores e a aprendizaxe ao longo da vida.