Down Compostela pide ao Colexio de Avogados o seu apoio para conseguir dereitos efectivos para as persoas con discapacidade

A Fundación Down Compostela  pediu o apoio do colectivo de xuristas para conseguir “que a igualdade de dereitos teóricos das persoas coa Síndrome de Down se leve á práctica e a discapacidade non sexa motivo de discriminación legal”. A reivindicación de “dereitos efectivos para todos, non só no papel” fíxoa o presidente de Down Compostela, Juan Martínez, durante a recollida do Premio Dereitos Humanos outorgado á Fundación por parte do Colexio de Avogados de Santiago de Compostela. Juan Martínez agradeceu o recoñecemento outorgado á Fundación, “que leva 17 anos loitando pola igualdade de oportunidades”, para facer un chamamento ao colectivo de xuristas co fin de que acadar a súa implicación no recoñecemento práctico dos dereitos xudiciais das persoas coa síndrome de Down e rexeitar a “hipocrisía” existente a este respecto. O presidente da fundación compostelá subliñou a urxencia de incidir en aspectos xurídicos fundamentais como a necesidade de acadar os apoios necesarios para as persoas con discapacidade, fronte á súa incapacitación en aspectos básicos como o dereito ao voto, “cando a ningún de nós nos fan un exame previo para exercelo”. Ademais insistiu en reclamar que se acurten “os prazos xurídicos para que non se retrasen sentenzas” relativas a delitos por discriminación. “Queremos non ter que pedir, como na famosa canción de Juanes, un segundo máis de vida para ver recoñecidos os nosos dereitos”, engadiu Juan Martínez.

Skip to content