Down Galicia lanza a versión en lectura fácil da súa páxina web para garantir a accesibilidade cognitiva

Co obxectivo de seguir avanzando cara a unha sociedade máis inclusiva e sen barreiras, a Federación Down Galicia vén de presentar a versión en lectura fácil da súa páxina web corporativa. A partir de agora, os contidos fixos do sitio web —tanto na versión en galego como en castelán— contan cun deseño e unha redacción adaptados para facilitar a súa comprensión.

A lectura fácil é un método de redacción, deseño e maquetación que fai que a información sexa máis accesible e clara para quen presenta dificultades de comprensión lectora. Esta adaptación foi levada a cabo pola Asociación Lectura Fácil, entidade especialista neste ámbito, garantindo os estándares de calidade e pautas internacionais de accesibilidade cognitiva.

 

A accesibilidade cognitiva: un dereito fundamental

Garantir o acceso á información non é só unha cuestión de eliminación de barreiras físicas ou dixitais, senón tamén cognitivas. A comprensión da información é un dereito chave para exercer a autonomía persoal, tomar decisións informadas e participar plenamente na sociedade.

Aínda que este recurso é fundamental para as persoas coa síndrome de Down ou con outras discapacidades intelectuais, a lectura fácil é un instrumento de inclusión universal que beneficia a moitos outros colectivos. Por exemplo, persoas migrantes ou con pouca competencia no idioma, persoas maiores que experimentan deterioro cognitivo ou perda de facultades, persoas con baixa escolarización ou dificultades lectoras ou calquera persoa que precise acceder a información complexa de xeito sinxelo e directo.

 

Un paso máis na misión de Down Galicia

Con esta iniciativa, Down Galicia reafirma o seu compromiso coa accesibilidade universal e co modelo de dereitos humanos. Facilítase así que os usuarios e usuarias, familias e a cidadanía en xeral poidan coñecer mellor os servizos, proxectos, reivindicacións e a estrutura da Federación de xeito autónomo e sen intermediarios.

Para consultar a versión adaptada, só hai que acceder á páxina web oficial da Federación e seleccionar a opción de lectura fácil no menú superior.

Skip to content