Por unha maioría absoluta contra a pobreza: propostas electorais de EAPN Galicia para a próxima lexislatura

EAPN Galicia, entidade da que a Federación Down Galicia forma parte, vén de presentar as súas propostas conxuntas coa rede estatal EAPN España para a vindeira lexislatura. Medidas enfocadas en erradicar a pobreza e a exclusión social no Estado e en Galicia e que garantan unhas condicións de vida dignas, a protección dos dereitos sociais e o sostemento e fortalecemento dos servizos públicos. Unhas propostas que complementan as expostas por Ana Pardo, presidenta de EAPN Galicia na presentación do XVI informe ‘O Estado da Pobreza en Galicia 2026’, que incluían a modificación da Lei de Inclusión Social de Galicia coa complementariedade do IMV coa RISGA, a posta en marcha do Plan de Apoio ás familias monoparentais e o incumprimento reiterado da Lei de impulso demográfico, así como políticas específicas para a mocidade e para atallar a emerxencia do acceso á vivenda.

Segundo o último informe ‘O Estado da Pobreza en Galicia 2026’, o 22’1%, da poboación galega atópase en risco de pobreza e exclusión social. 600.000 galegos e galegas, 91.000 persoas máis que o ano anterior. A situación a nivel estatal non mellora, rexistrando un 25,7% da poboación española, traducido a 12,6 millóns de persoas. Unhas cifras que dan conta dun problema estrutural necesario abordar e que esixe compromiso político.

A loita contra a pobreza xa conta cun amplo consenso social. A cidadanía recoñece a importancia de garantir condicións de vida dignas, protexer os dereitos sociais e fortalecer os servizos públicos. Este consenso, que transcende ás diferenzas ideolóxicas, debe reflectirse nos compromisos das institucións e das forzas políticas. Con todo, a persistencia dos altos niveis de pobreza e exclusión social no noso país mostra a necesidade de avanzar cara a respostas estruturais, sostidas ao longo do tempo, que comprometan todas as administracións en todos os niveis do Estado e apoiado por compromisos políticos e institucionais que transcenden os ciclos electorais. Erradicar a pobreza debe converterse nunha prioridade do Estado.

 

Garantía de ingresos, acceso a vivenda e emprego

Unha das principais propostas pasa por asegurar os ingresos das persoas coa mellora do Ingreso Mínimo Vital. Unha prestación que debe ampliar a súa cobertura, facilitar o seu acceso revisando a excesiva burocracia e compatibilizando e complementándoa, no caso de Galicia, coa RISGA (Renda de Inclusión Social de Galicia), así como transferir de xeito inmediato as competencias de xestión do IMV á nosa Comunidade.

A emerxencia das dificultades no acceso á vivenda, consolidada como un dos principais factores de empobrecemento, urxe medidas como artellar mecanismos de regulación dos prezos de alugueiro e aumentar de forma sostida o parque público de vivendas sociais. Tamén, desenvolver políticas específicas para persoas cunha situación de exclusión residencial máis severa como chabolismo ou infravivenda, así como garantir que ningunha persoa ou familia nunha situación de vulnerabilidade quede sen unha alternativa habitacional axeitada.

No relativo á pobreza laboral, propoñemos o aumento do Salario Mínimo Interprofesional e as pensións mínimas, adoptando medidas contra a inseguridade laboral e a parcialidade involuntaria. Tamén é preciso subir o IPREM (Indicador Público de Renta de Efectos Múltiples), dende o seu nivel actual de 600€ mensuais, estancado nos últimos anos, ata mínimo 900€, para axeitalo ao contexto económico vixente para que as axudas cheguen a máis xente, sendo o indicador referente que determina o acceso ás mesmas.

 

Dereitos sociais e loita contra as desigualdades

As propostas inclúen tamén o reforzo dun sistema público de coidados accesible e corresponsable, que amplíe os servizos de atención á infancia e á dependencia, facilite a conciliación e a corresponsabilidade e contribúa a reducir as desigualdades económicas e de xénero derivadas da distribución desigual dos coidados. Servizos que tamén promovan a autonomía persoal; neste sentido, en Galicia isto sería posible mediante a posta en marcha da Estratexia de Desinstitucionalización adaptada ao territorio galego.

Dende a Rede queremos que se poña o foco en combater as desigualdades, garantindo os dereitos de todas as persoas. Unha especial consideración na protección dos dereitos das persoas migrantes, refuxiadas e solicitantes de asilo, desenvolvendo vías legais e seguras de migración e eliminando as barreiras administrativas que dificultan o seu acceso aos servizos públicos esenciais. Igualmente, reforzar a protección fronte á aporofobia e á discriminación socioeconómica, a través de mecanismos efectivos de prevención, denuncia e reparación, incorporando esta perspectiva nas políticas públicas para combater os discursos que culpabilizan ás persoas pola súa pobreza.

En relación coa dixitalización dos servizos públicos, proponse o mantemento da atención presencial e do dereito ao acompañamento nos procedementos administrativos, para evitar que a fenda dixital se converta nunha nova barreira de acceso a dereitos e prestacións.

 

Unha financiación estable e suficiente para afianzar os dereitos

Para facer posibles estas medidas dende a Rede proponse unha reforma fiscal xusta, progresiva y redistributiva, que incremente a contribución efectiva das grandes fortunas e as rendas máis altas, fortaleza a loita contra o fraude e garanta recursos suficientes para financiar as políticas sociais.

Tamén se reclama unha transición ecolóxica socialmente xusta, que ampare aos fogares con menores ingresos fronte aos custos das políticas climáticas e destine recursos suficientes á protección fronte á pobreza enerxética, á rehabilitación de vivendas vulnerables e ao acceso ao transporte.

Con estas propostas, sumámonos a EAPN España en apelar á responsabilidade de todas as forzas políticas para converter a loita contra a pobreza nunha prioridade compartida e traducir os compromisos electorais en medidas concretas e verificables. “A maioría social contra a pobreza xa existe. O reto é convertela nunha maioría política comprometida coa súa erradicación”.

 

Accede ao documento coas propostas de EAPN Galicia

Skip to content