O Congreso de Down Galicia reúne a 400 persoas para analizar os retos pendentes da educación en España

  • O Congreso “Construíndo o futuro da educación: un dereito para todos e todas” celébrase o 24 e 25 de outubro no Palacio de Congresos de Santiago de Compostela
  • O encontro contará con varios relatorios impartidos por profesionais de prestixio, así como con estratexias innovadoras compartidas por centros educativos galegos e estatais e experiencias de familias e alumnado
  • O Delegado do Goberno en Galicia participará na inauguración do Congreso, que se presenta como unha cita clave para repensar o sistema educativo galego desde a perspectiva da inclusión e os dereitos humanos

 

Santiago de Compostela converterase esta fin de semana no epicentro do debate sobre educación inclusiva coa celebración o 24 e 25 de outubro do Congreso “Construíndo o futuro da educación: un dereito para todos e todas”, organizado pola Federación Down Galicia.

Durante dúas intensas xornadas, as 400 persoas inscritas no evento poderán escoitar a profesionais de referencia no ámbito da educación a nivel estatal, así como experiencias de éxito levadas a cabo por distintos centros educativos de Galicia e de fóra da comunidade, e outras protagonizadas por familias e alumnado.

Coa organización deste Congreso, a Federación Down Galicia busca contribuír de xeito significativo á mellora na sensibilización e formación das persoas participantes mediante a promoción de culturas, prácticas e políticas inclusivas, así coma a utilización de metodoloxías e enfoques innovadores que impulsen a optimización do proceso de inclusión educativa para todo o alumnado.

Nun momento no que os retos sociais e educativos se fan cada vez máis visibles, é urxente reflexionar, compartir experiencias e construír estratexias comúns que garantan unha educación de calidade para todo o alumnado. É por iso que este congreso está pensado como un espazo de encontro, diálogo e formación arredor da realidade da educación en Galicia e dos desafíos que supón acadar unha inclusión educativa real.

 

Unha primeira xornada para reflexionar sobre retos actuais do sistema educativo

O Congreso dará comezo cunha pequena apertura institucional na que participarán o presidente da Federación Down Galicia, Delmiro Prieto González; a Directora Xeral de Ordenación e Innovación Educativa, Judith Fernández Novoa; e o Delegado do Goberno en Galicia, Pedro Blanco Lobeiras.

A continuación, dará comezo a conferencia inaugural “Cumpre o sistema educativo español coa Convención?”, que correrá a cargo de Nuria Aparicio Fernández, activista, xurista e vicepresidenta da Asociación Solcom, organización non gobernamental orientada a dar asistencia legal coa que facer efectivos os dereitos das persoas discriminadas pola súa discapacidade. Durante a súa intervención, Aparicio dará conta de ata que punto o sistema educativo español responde aos principios de inclusión e equidade recollidos na Convención sobre os Dereitos das Persoas con Discapacidade, facendo fincapé no informe da ONU de 2024 no que o organismo internacional denunciaba de xeito contundente a situación actual.

Trala conferencia inaugural, o avogado experto en educación inclusiva Juan Rodríguez Zapatero intervirá co relatorio “O dereito fundamental á educación inclusiva. Evolución da xurisprudencia”, no que analizará os principais avances legais e os desafíos pendentes para garantir unha escola que acolla e valore a diversidade.

Seguidamente, as persoas participantes poderán desfrutar dunha mesa redonda sobre a realidade da educación inclusiva en España, na que participarán os propios Juan Rodríguez Zapatero e Nuria Aparicio Fernández, así como Lucio Calleja Bachiller, Subdirector General de Cooperación Territorial e Innovación Educativa do Ministerio de Educación, Formación Profesional y Deportes.

A xornada do venres concluirá cun espazo no que se poderán escoitar experiencias de familias e alumnado que comparten o día a día da inclusión nas aulas. Estas vivencias poñerán o foco na importancia do apoio colectivo e no papel transformador de toda a comunidade educativa -centro, familias e, sobre todo, o resto do alumnado- como motor dunha escola verdadeiramente inclusiva, na que a inclusión non sexa só un obxectivo pedagóxico, senón unha responsabilidade compartida.

 

Participación, Deseño Universal e experiencias pioneiras marcan a xornada do sábado

A xornada do sábado comezará coa conferencia de Gerardo Echeita, especialista en políticas de educación inclusiva que traballou como asesor técnico no Ministerio de Educación e como consultor de distintos organismos como a UNESCO, a OCDE ou UNICEF. Co seu relatorio “Un marco de referencia para un deseño universal para a participación social”, Echeita buscará que as persoas asistentes reflexionen sobre a construción de contornas nas que todas as persoas se sintan parte activa da comunidade, un enfoque que non só favorece a inclusión no ámbito educativo, senón que tamén fortalece o tecido social.

O Congreso continuará coa mesa de experiencias “A importancia da perspectiva de centro para construír unha escola para todos e todas”, que busca poñer o foco na cultura inclusiva dos centros educativos. O IES de Quiroga e o CEIP Nosa Señora de Xuvencos de Boborás presentarán dúas experiencias que mostrarán como os colexios poden converter a inclusión nun eixo vertebrador, promovendo valores, organizacións e prácticas que aseguren que ningún alumno ou alumna quede fóra, e poñendo de manifesto que é preciso un proxecto de centro compartido, con liderado, planificación e compromiso colectivo.

O último relatorio da mañá terá como protagonista a Coral Elizondo, mestra, psicóloga e orientadora, experta en educación inclusiva e Deseño Universal para a Aprendizaxe. A intervención de Elizondo, titulada “Miradas que inclúen: DUA 3.0, ética e neurodiversidade”, buscará unha reflexión profunda sobre o valor da diversidade e a necesidade dunha ética inclusiva, reivindicando unha educación que non busque homoxeneizar, senón transformar.

O congreso retomará pola tarde o seu programa coa conferencia “DUA 3.0.: Deseño de actividades”, na que Antonio Márquez, mestre de pedagoxía inclusiva, orientador educativo e especialista en inclusión e en innovación metodolóxica con máis de 20 anos de experiencia, presentará o DUA 3.0. como unha ferramenta práctica e transformadora, centrada no deseño de actividades accesibles para todo o alumnado dende o inicio. O DUA 3.0 convértese así nun instrumento de equidade, xa que permite eliminar as posibles barreiras antes de que aparezan, converténdose nun acto de xustiza educativa, que garante que todo o alumnado poida participar e aprender.

A xornada vespertina continuará con dúas mesas de experiencias coas que as persoas asistentes poderán coñecer de primeira man iniciativas de éxito levadas a cabo en varios centros escolares galegos e estatais. En primeiro lugar, docentes do CEIP Chano Piñeiro de Gondomar, do CEIP Antonio Magariños de Cambados e do CEIP P. Mestre Ramiro Sabell Mosquera de Ponteareas participarán na mesa “Primeiras etapas, grandes cambios: a inclusión como base na educación infantil e primaria”, nas que se amosarán prácticas que poñerán de manifesto que as etapas educativas iniciais son momentos clave para construír comunidades inclusivas desde un inicio. En segundo lugar, a mesa “Educación secundaria: un reto pendente a nivel inclusivo”, evidenciará que a inclusión na educación secundaria segue sendo un desafío relevante. Mediante a experiencia do IES Antón Losada Diéguez de A Estrada, exploraranse as dificultades e oportunidades que se presentan nesta etapa, na que a falta de recursos, os itinerarios, as avaliacións e a organización escolar poden dificultar a participación de todo o alumnado.

Ademais, coñeceremos o caso do Centro de Educación Especial de Asprona en Almansa (Albacete), que compartirán a súa experiencia e o seu esforzo para reconverterse nun centro de recursos para a escola ordinaria, coa fin de contribuír, desde o seu coñecemento, experiencia e boas prácticas, á transformación dos centros de educación especial cara a escola inclusiva.

O Congreso concluirá cunha lectura de conclusións e cun pequeno acto de clausura no que participarán Mar García Vidal, responsable das áreas de Política Social, Educación e Mocidade da Deputación da Coruña, e María Rozas, tenente alcaldesa de Santiago de Compostela.

 

Este evento conta co apoio e colaboración do Concello de Santiago de Compostela, a Deputación da Coruña, a Xunta de Galicia e o Ministerio de Educación, Formación Profesional y Deportes.

Ir o contido