Verónica xa é oficialmente ordenanza da Deputación de Ourense. Esta ourensana coa síndrome de Down de 40 anos tomou posesión o pasado 16 de xaneiro na sede provincial situada na rúa Progreso, nun acto presidido pola vicepresidenta da Deputación de Ourense, Marta Novoa.
Este nomeamento supón a culminación dun camiño de esforzo, constancia e ilusión que esta membro de Down Ourense iniciou hai 10 anos, no ano 2016, cando comezou a prepararse para acceder a unha praza como ordenanza ou subalterna na administración pública. Agora consegue facer realidade un soño que compartía coa súa familia e co equipo de profesionais que a acompañaron durante todo este proceso.
A praza obtívose a través do proceso selectivo extraordinario de estabilización do emprego público correspondente ao ano 2024, dirixido a persoas con discapacidade intelectual. Trátase dun procedemento por concurso de méritos, sen probas nin exames, no que se valorou a traxectoria formativa e laboral das persoas candidatas. No mes de novembro de 2025 publicouse o nomeamento oficial de Verónica como beneficiaria da praza.
Ao longo destes anos, Verónica presentouse a todas as oposicións de ordenanza do Estado e de subalterna da Xunta de Galicia, logrando superar os procesos selectivos, aínda que sen conseguir praza ata agora. Ademais, continuou ampliando a súa formación, obtendo o CELGA 3 tras preparar galego e presentarse ao exame correspondente. Xunto ás sesións de preparación en Down Ourense, contou tamén cunha preparadora externa unha ou dúas veces por semana. Este último ano, animouse incluso a probar un novo perfil profesional e comezou a preparar a oposición de celadora.
Ata a súa incorporación á Deputación, Verónica traballaba con carácter indefinido no Balneario de Arnoia como auxiliar termal, posto que desempeñaba desde o ano 2022 cunha xornada semanal de 15 horas. Vive nesta vila termal, a tan só 10 minutos do seu anterior emprego, mentres que agora debe desprazarse diariamente a Ourense, cun traxecto de entre 20 e 30 minutos. A súa familia, que a acompaña neste desprazamento, tivo claro desde o primeiro momento que non se trataba dun inconveniente, senón dun paso fundamental para cumprir o seu soño.
Coa nova praza, Verónica inicia unha etapa de xornada completa e estabilidade laboral, un cambio que repercute directamente na súa autonomía e estabilidade persoal. “O lugar de traballo é tranquilo e os compañeiros son moi riquiños, estanme axudando e traballamos en equipo”, explica Verónica tras os seus primeiros días no posto. “Agora tócame ir aprendendo pouco a pouco as tarefas, e saber que é un posto fixo para sempre faime estar tranquila”, reflexiona.
Desde Down Galicia celebramos este novo fito, que demostra unha vez máis que, con apoios adecuados e oportunidades reais, as persoas coa síndrome de Down e outras discapacidades intelectuais poden acceder a un emprego público estable e desenvolver unha vida adulta plena, autónoma e con dereitos.