Grazas ao convenio asinado entre a Federación Down Galicia e a Consellería de Política Social e Igualdade, 26 persoas usuarias das entidades Down galegas están a realizar formación prácticas en diferentes dependencias deste departamento da Xunta de Galicia de xaneiro a decembro deste 2025.
A través deste acordo, a Consellería achega cento setenta mil catrocentos corenta con vinte céntimos, 170.440,20 €, para este proxecto de aprendizaxe e inclusión sociolaboral, que forma ás persoas coa síndrome de Down e discapacidade intelectual para facilitarlles o paso ao mundo laboral. Dito colectivo é un dos que teñen maior taxa de desemprego e menor taxa de contratación.
As persoas participantes no proxecto realizan tarefas de apoio ao persoal para o aprendizaxe e práctica das actuacións en diversos servizos vinculados a postos definidos na administración autonómica, coma ordenanza, cociña, lavandaría, entre outros.
As accións desenvólvense nas dependencias dos servizos centrais e periféricos da Consellería das cidades de Lugo, Ourense, A Coruña, Ferrol, Pontevedra, Vigo e Santiago de Compostela cunha xornada media de entre 3 e 4 horas ao día.
A metodoloxía empregada estrutúrase en dúas fases. Por unha banda, a formación teórica dende as entidades Down para o aprendizaxe e práctica dos postos nos que se desenvolven. Por outra, a formación práctica para completar as accións de aprendizaxe e inclusión sociolaboral.
Dende as entidades que forman parte da Federación Down Galicia faise especial fincapé na inclusión laboral, non como un fin en si mesma, senón como un medio para que as persoas con discapacidade intelectual acaden un desenvolvemento e unha aceptación persoal, sen a cal sería moi difícil conseguir a súa inclusión social.
