Rubén, membro da asociación Down Vigo, vén de asinar un contrato indefinido con Carrefour tras tres anos de constancia laboral como persoal de limpeza. O empregado consolida así a súa posición no establecemento do Centro Comercial Gran Vía de Vigo onde traballa. Pola súa parte, a entidade e o hipermercado reforzan a súa colaboración.
As funcións de Rubén inclúen, segundo el mesmo explica, “limpar as oficinas e a tenda”, unha tarefa na que demostrou motivación, constancia e un elevado grao de profesionalidade. Desde Carrefour, Antonio Iglesias, director de Recursos Humanos, valora a súa rápida adaptación, o seu compromiso e a súa ilusión. Tal e como recorda, días despois de comezar, Rubén repetíalle: “Toño, ¿cando empezo?”.
A reacción de Rubén ante a firma do novo contrato foi de ledicia e orgullo pola súa evolución. “Cada día véxome mellor e máis rápido”, sinala. Para Iglesias, “é moi gratificante ver como Rubén supera as dificultades de comunicación, que agora xa parecen moi afastadas”.
Este novo paso representa para Rubén un avance importante cara á súa autonomía e independencia. O seu obxectivo permanece claro: “Gustaríame seguir aquí moito tempo e esfórzome porque quero conseguilo”.
A colaboración entre Down Vigo e Carrefour remóntase a 2007, e desde entón foron varias as persoas do Servizo de Emprego con Apoio da entidade quen tiveron a oportunidade de desempeñar postos en diferentes áreas da cadea de hipermercados, tanto en prácticas como mediante contratos, como persoal de caixa ou reposición. Para Carrefour, a contratación indefinida de Rubén reafirma o seu compromiso coa inclusión de persoas con diferentes capacidades.
Desde Down Vigo agradecen a Carrefour a súa implicación coa igualdade de oportunidades e felicitan a Rubén por este importante avance no seu percorrido profesional.
Máis de 20 anos de Emprego Con Apoio
No 2002 as entidades Down en Galicia comezaron a desenvolver o programa Emprego Con Apoio, creado para atender as necesidades e barreiras que afrontan as persoas coa síndrome de Down e outras discapacidades intelectuais ao acceder ao mercado laboral ordinario. Este modelo baséase en apoios estruturados ao longo de todo o proceso de inserción, garantindo unha incorporación adecuada ao posto de traballo.
As persoas que acceden a un emprego contan cun preparador ou preparadora laboral que lles ofrece formación específica no posto, facilitando a adquisición progresiva das tarefas. Tamén se traballa a interacción social co equipo e a mediación para promover relacións positivas e naturais.
En esencia, búscase ofrecer os recursos e apoios necesarios para que estas persoas participen no mercado laboral en igualdade, favorecendo a súa estabilidade laboral e inclusión social. Polos seus bos resultados, esta metodoloxía consolídase como unha opción eficaz para colectivos con maiores dificultades e como alternativa ás fórmulas de emprego protexido, de enfoque asistencial e non transformador.