Educación ambiental escolar, activismo e innovación no programa ecolóxico de Down Coruña

Down Coruña continúa reforzando o seu compromiso coa sustentabilidade e coa inclusión a través de Ecofriendly, un programa ecolóxico integral que combina sensibilización, acción ambiental e aprendizaxe práctica. Ao longo deste outono, tres iniciativas —as charlas A Roda do Compost, a xornada de activismo ambiental en Dexo e a visita ao Complexo Medioambiental de Sogama— puxeron de manifesto o papel activo das persoas con discapacidade intelectual na defensa do medio ambiente e na transformación social.

Educación ambiental para o alumnado coruñés

O pasado mes de outubro o equipo da área Eco de Down Coruña puxo en marcha unha nova edición de “A Roda do Compost”, unha actividade de educación ambiental dirixida ao alumnado de Infantil e Primaria de centros da Coruña e da súa área metropolitana. A través dun formato lúdico e participativo, as persoas asistentes aprenden o ciclo natural da materia, a importancia de reducir e separar os residuos e o valor de converter o lixo orgánico en recursos útiles.

A iniciativa, que xa se ofertou a máis de cincuenta centros educativos, terá continuidade ata o mes de marzo de 2026. O primeiro centro en recibir a actividade foi o CEIP de Galán de Oseiro (Arteixo), onde o alumnado acolleu con entusiasmo a proposta. “Tratáronnos de marabilla e quedamos encantados”, sinala Franqui Illanes, resposable do grupo de Eco.

Activismo e coidado do territorio na Costa de Dexo

Co inicio deste outono, o equipo Eco da entidade desprazouse ao Monumento Natural Costa de Dexo, dentro do concello de Oleiros, para participar nunha xornada de activismo ambiental e voluntariado en colaboración coa Asociación Veciñal San Antón de Dexo. Durante a actividade, as persoas participantes retiraron unha importante cantidade de planta invasora (Tradescantia fluminensis), recolleron landras de carballo e sobreira para futuras plantacións e eliminaron restos vexetais do camiño de acceso ao espazo natural.

Esta acción non foi unha intervención puntual: forma parte dunha liña de colaboración permanente coa asociación veciñal, que permitirá organizar novas xornadas de coidado ambiental ao longo do curso. A actividade tamén tivo un claro compoñente formativo e social, favorecendo a convivencia interxeracional e a conexión co territorio. As persoas con discapacidade intelectual participaron como axentes activos de cambio, demostrando que a inclusión tamén se constrúe dende o compromiso co entorno.

Novos coñecementos grazas á visita a Sogama

O pasado 3 de novembro, o equipo da asociación realizou unha visita ao Complexo Medioambiental de Sogama, en Cerceda, unha das instalacións máis importantes de Galicia no tratamento e valorización de residuos. A actividade foi guiada por Leti Miranda, antiga compañeira de Down Coruña, o que converteu a experiencia nun reencontro.

Durante a visita, as persoas participantes aprenderon sobre o ciclo completo dos residuos, a separación por contedores, os procesos de reciclaxe e a xeración de enerxía a partir de materiais non reciclables. Tamén asistiron a unha proxección audiovisual sobre o funcionamento do complexo e desfrutaron das vistas panorámicas dende o miradoiro da planta.

Ecofriendly, un programa integral

Estas accións forman parte do programa Ecofriendly, a aposta sostible de Down Coruña que combina formación, inclusión sociolaboral e economía verde. Grazas a este proxecto, a asociación xa conseguiu transformar máis de 11.600 quilos de residuos orgánicos en compost útil, implicando a familias, profesionais e centros educativos.

Ecofriendly é un exemplo de como a sustentabilidade e a inclusión poden camiñar da man, promovendo un modelo de participación activa onde cada acción —desde unha charla ata o traballo nos composteiros— contribúe a coidar o planeta e a crear oportunidades reais para as persoas con discapacidade intelectual.

Ir o contido