O Servizo de Orientación Laboral de Down Galicia bate récords ao atender a 294 persoas demandantes e desenvolver 2.777 accións

O Servizo de Orientación Laboral de Down Galicia acumulou no pasado período 2.777 accións de orientación para un total de 294 persoas en busca activa de emprego. O balance está encadrado entre febreiro de 2024 e xaneiro de 2025, no caso das profesionais de orientación das provincias de A Coruña e Pontevedra, e de setembro de 2024 a agosto de 2025 das profesionais que dan servizo ás provincias de Lugo e Ourense.

As accións de orientación realizadas van encamiñadas a facilitarlle estratexias e recursos axeitados ás persoas inscritas na bolsa de demandantes do Servizo de Orientación de Down Galicia, de xeito que a súa busca activa de emprego sexa máis efectiva. Os grandes grupos de accións de orientación laboral compóñense de entrevistas personalizadas (1569) e sesións grupais (464), co obxectivo de responder ás necesidades das persoas demandantes de emprego en función do seu perfil profesional.

Por outra banda, tamén se levaron a cabo 105 itinerarios personalizados de inserción e se mantiveron reunións ou entrevistas telefónicas coas familias, chegando a un total de 240 nos meses analizados. Ademais de 248 visitas e contactos con entidades públicas e privadas, así como 11 a empresas de ámbito autonómico. Finalmente, este labor desenvolveuse grazas á coordinación co persoal técnico de Emprego das entidades Down e o equipo de Down Galicia, cun total de 140 reunións.

O servizo conta con persoal técnico especializado e realiza as súas actuacións nas principais cidades galegas. Para iso, contou con catro orientadoras laborais, que prestaron servizo itinerante desde catro centros de traballo, situados en Santiago de Compostela, Vigo, Ourense e Lugo, para dar cobertura á provincia de A Coruña -Ferrol, A Coruña, e Compostela-; á provincia de Pontevedra -Pontevedra e Vigo-; e ás provincias de Ourense e Lugo, respectivamente.

O Servizo de Orientación Laboral de Down Galicia é centro colaborador do Servizo Público de Emprego de Galicia, tendo competencias en materia de modificación de datos e actualización dos currículos das persoas demandantes derivadas á entidade. Durante o período referenciado, este servizo foi financiado pola Consellería de Emprego, Comercio e Emigración, a través da Dirección Xeral de Formación e Cualificación para o Emprego.

 

Orientación laboral para persoas con síndrome de Down

Ir o contido