70 persoas forman parte do proxecto de emprego de Down Galicia co financiamento da Fundación Iberdrola

70 persoas coa síndrome de Down e outras discapacidades intelectuais participaron durante 2025 no proxecto “Emprego Con Apoio: Talento profesional de persoas coa síndrome de Down e discapacidade intelectual” de Down Galicia que a Fundación Iberdrola financiou con 30.000€ a través da convocatoria do seu Programa Social para o pasado ano.

A través desta contribución económica, 24 persoas usuarias das entidades membro da Federación que se atopaban en procura activa de emprego contaron con apoios para facilitarlles a súa inclusión socio-laboral. Mentres que, por outra banda, 46 persoas que estaban desenvolvendo un posto de traballo en empresas ordinarias recibiron o soporte dun profesional para o mantemento dese posto.

Durante o ano que vén de rematar, das 70 persoas participantes, 16 que estaban desempregadas asinaron un contrato, polo que grazas a este proxecto obtiveron unha oportunidade laboral. Por outra parte, asináronse 11 convenios de formación práctica en empresas que beneficiaron a 9 persoas.

Con respecto ás contratacións laborais, o 90% foron a tempo parcial, o que dificulta a consecución dunha estabilidade laboral e un proxecto de vida. Continuando a liña de anos anteriores, os sectores que concentran o maior número de contratos asinados son o sector servizos, comercio, industria e turismo e hostalería.

Ademais, durante este período, contactáronse un total de 265 empresas de toda Galicia co obxectivo de lograr unha oportunidade laboral para algunha das 24 persoas destinatarias deste proxecto en fase de procura de emprego, pero tamén para conseguir a continuidade no posto dalgunhas das 46 persoas usuarias en fase de mantemento.

Ir o contido