O vindeiro 24 de xaneiro conmemórase a nivel mundial o Día Internacional da Educación, unha data promovida por Nacións Unidas que, neste 2026, pon o foco na escasa presenza das persoas mozas menores de 30 anos nos espazos de decisión educativa, a pesar de representar a máis da metade da poboación mundial.
Con esta efeméride búscase, entre outros obxectivos, impulsar aos Estados Membros a situar a educación como prioridade nas súas políticas públicas e a cumprir os compromisos asumidos tanto no Cumio sobre a Transformación da Educación como na Axenda Educación 2030.
Neste contexto, a Federación Down Galicia quere poñer sobre a mesa novamente a necesidade urxente de avanzar cara a un sistema educativo verdadeiramente inclusivo, sustentado nos principios de calidade, equidade, flexibilidade e respecto pola diversidade e que incorpore metodoloxías inclusivas e garanta os apoios necesarios para todo o alumnado.
A inclusión educativa real require contar cun número suficiente de profesionais especialistas que apoien ao alumnado con necesidades específicas de apoio educativo, pero tamén que o conxunto do profesorado dispoña da formación e das ferramentas necesarias para aplicar na aula prácticas que favorezan a participación e a aprendizaxe de todo o alumnado. Só así se evitará que ningunha persoa quede excluída do sistema educativo por razón da súa discapacidade.
Delmiro Prieto, presidente de Down Galicia indica que, aínda non sendo suficiente se non vai acompañado dunha reforma do sistema educativo, “o futuro da educación inclusiva pasa agora mesmo pola implicación do profesorado e o tecido social, xa que non se pode esperar polas administracións para que a inclusión educativa avance”. Ademais, lembra que “a inclusión non é só estar presente, senón participar e aprender en igualdade de condicións”.
A educación inclusiva como dereito irrenunciable
Unha sociedade comprometida cos dereitos humanos debe contar con institucións capaces de garantir o dereito á educación inclusiva de toda a cidadanía, sen excepcións nin discriminacións. Isto implica asegurar que o alumnado estea presente nos centros ordinarios e que participe activamente nos procesos de aprendizaxe, recibindo os apoios necesarios.
A educación inclusiva supón un cambio de paradigma: abandonar o modelo rehabilitador para avanzar cara a un enfoque social, no que se recoñeza que as dificultades non residen nas persoas con discapacidade, senón nas barreiras físicas, organizativas e actitudinais que impón a propia sociedade. Son estas limitacións as que impiden unha resposta educativa axeitada ás necesidades de todo o alumnado.
Facer efectivo o dereito á educación implica garantir que nenos, nenas e persoas mozas teñan acceso a un ensino de calidade, en igualdade de oportunidades, nun sistema que valore a diversidade como un elemento enriquecedor e que acompañe a cada persoa no seu máximo desenvolvemento persoal e académico.
Desde hai máis de 25 anos, a Federación Down Galicia traballa para que todo o alumnado poida acceder á educación ordinaria en condicións de igualdade, reclamando os apoios necesarios, promovendo cambios no sistema e propoñendo solucións ás barreiras existentes. Ao longo deste tempo, a entidade vén denunciando que o sistema educativo español continúa a ser discriminatorio coas persoas con síndrome de Down e outras discapacidades intelectuais, incumprindo os tratados internacionais en materia de dereitos humanos.
O dereito á educación inclusiva está recollido na Convención Internacional da ONU sobre os Dereitos das Persoas con Discapacidade, que no seu artigo 24 establece a obriga dos Estados de garantir un sistema educativo inclusivo en todos os niveis. Esta Convención, ratificada en 2008 e aprobada por unanimidade no Parlamento galego, ten carácter vinculante e é de obrigado cumprimento no noso país.
O Congreso de Down Galicia destaca a importancia da inclusión nas aulas
A Federación Down Galicia organizou o pasado mes de outubro en Santiago de Compostela o Congreso “Construíndo o futuro da educación: un dereito para todos e todas”, no que arredor de 400 participantes -entre familias e profesionais educativos- reflexionaron sobre os retos e oportunidades da educación inclusiva. Durante dúas xornadas abordáronse temas como o Deseño Universal para a Aprendizaxe, a neurodiversidade e experiencias de boas prácticas en distintos niveis educativos, insistindo na importancia de crear aulas e centros onde todo o alumnado poida aprender, participar e sentirse parte da comunidade escolar.
As conclusións do congreso deixaron claro que a inclusión educativa só será unha realidade cando ningunha familia teña que loitar polo dereito á educación do seu fillo ou filla. Ademais, subliñouse que non se deben poñer escusas para garantir a inclusión, o que require decisións valentes das administracións, como a reconversión dos Centros de Educación Especial a centros de recursos nun sistema educativo único.