Adrián, participante do programa de Emprego de Down Coruña, vén de iniciar a súa andaina profesional como auxiliar de eventos nos partidos que o Deportivo da Coruña disputa na cidade herculina. Esta oportunidade forma parte dos itinerarios de inclusión sociolaboral que impulsa a asociación coa colaboración da empresa MUI.
No mes de novembro, Adrián foi contratado para realizar un primeiro servizo vinculado á organización de eventos. Tras esta experiencia inicial, a valoración do seu desempeño foi moi positiva, o que permitiu ampliar a súa colaboración e incorporarse tamén ao dispositivo dos partidos do Deportivo da Coruña.
Na actualidade, desenvolve tarefas de acollida e orientación ao público na zona 1906 e nos palcos de honra, contribuíndo a que a experiencia das persoas asistentes sexa máis cómoda e accesible. O seu labor facilita o movemento seguro dentro do estadio e o seu compromiso e motivación fanse patentes no día a día.
O proceso de incorporación estase a realizar con apoio das preparadoras laborais do programa, que acompañan a Adrián na adquisición de rutinas e habilidades profesionais. Esta iniciativa encadra a súa experiencia nun proxecto máis amplo de Down Coruña, que busca favorecer itinerarios personalizados de emprego e fortalecer as competencias para o acceso ao mercado laboral ordinario.
Con accións como esta, a asociación reafirma o seu compromiso coa inclusión efectiva e a xeración de oportunidades reais para persoas con síndrome de Down e outras discapacidades intelectuais, promovendo a súa participación activa na sociedade galega.