Voluntariado ECO de Down Coruña continúa coa promoción do activismo e a educación ambiental

O programa Voluntariado ECO de Down Coruña continúa o seu camiño co desenvolvemento de iniciativas ambientais que combinan sensibilización, acción directa na contorna natural e educación comunitaria. Desta forma, promóvese que as persoas coa síndrome de Down e outras discapacidades intelectuais sexan axentes activos na protección do medio ambiente e na transformación da súa comunidade e refórzase o seu compromiso coa sustentabilidade e a sociedade da que forman parte.

 

Compostaxe e educación ambiental no CEIP Alborada

Dentro da vertente educativa do proxecto, o programa Voluntariado ECO de Down Coruña levou a cabo o pasado 4 de febreiro a actividade “A Roda do Compost” no CEIP Alborada, unha acción centrada na sensibilización ambiental do alumnado a través da aprendizaxe práctica e participativa. Durante a sesión, as persoas voluntarias explicaron de forma clara e accesible que é a compostaxe, por que é importante reducir os residuos orgánicos e como pequenos xestos cotiáns poden ter un impacto positivo no medio ambiente.

A actividade desenvolveuse de maneira dinámica, fomentando a interacción co alumnado e resolvendo dúbidas sobre a separación de residuos, o ciclo natural da materia orgánica e o aproveitamento do compost como recurso para hortos e zonas verdes. Ademais de transmitir coñecementos ambientais, esta iniciativa permitiu visibilizar o papel activo das persoas coa síndrome de Down e discapacidade intelectual como axentes de cambio e divulgadores ambientais, reforzando valores como a responsabilidade, a participación comunitaria e o respecto pola contorna desde idades temperás.

 

Activismo ambiental en Carral coa Asociación de Custodia do Territorio Río Brexa

No ámbito da acción directa sobre o territorio, o 21 de xaneiro, Voluntariado ECO participou nunha nova xornada de activismo ambiental na contorna natural de Ans (Carral), en colaboración coa Asociación de Custodia do Territorio Río Brexa. Esta intervención forma parte dun traballo continuado na zona, orientado á conservación do ecosistema fluvial e a mellora da accesibilidade dos carreiros naturais.

Durante a xornada, as persoas voluntarias realizaron diversas tarefas como a limpeza do camiño, a retirada de vexetación invasora, entre elas a coñecida orella de gato, e a eliminación de ramas e troncos caídos.

Ao abeiro deste proxecto, en futuras xornadas traballarase tamén na identificación de especies animais, a creación dunha guía fotográfica dos valores ambientais e culturais da senda, así como a colocación de elementos destinados a favorecer a biodiversidade, como caixas niño e hoteis de insectos, contribuíndo así ao equilibrio natural da contorna.

 

Máis aló do impacto ambiental, esta actividade supuxo unha experiencia de aprendizaxe, convivencia e compromiso social, reforzando o vínculo das persoas participantes coa natureza e coa comunidade local. A colaboración con entidades ambientais do territorio pon en valor o traballo en rede e demostra que a inclusión e a sustentabilidade poden e deben avanzar da man.

Ir o contido