Down Coruña edita o seu tradicional calendario poñendo o foco no deporte coa colaboración de Hockey Club Liceo

A Asociación Down Coruña presenta a sétima edición do seu calendario solidario, unha iniciativa de sensibilización coa que busca achegar á sociedade a realidade, as capacidades e o talento das persoas con síndrome de Down e outras discapacidades intelectuais. A edición de 2026 ten como protagonistas aos xogadores e ao corpo técnico do Hockey Club Liceo, referente histórico do deporte galego e entidade coa que a asociación comparte valores como a inclusión, o esforzo, o traballo en equipo e o compromiso social.

O calendario vén de editar 1.000 exemplares, que sairon á venda o pasado sábado 13 de decembro na papelería de El Corte Inglés da Coruña, a un prezo de 10 euros. O proxecto dá continuidade a unha proposta xa consolidada que, desde hai sete anos, contribúe á visibilización social e promove unha ollada máis ampla e diversa sobre a inclusión.

A colaboración co Liceo ten nesta edición un significado especial. Desde 2022, Pili Pouso, membro de Down Coruña, forma parte do día a día do club, integrada laboralmente no equipo, converténdose nun exemplo real do impacto positivo que a inclusión ten tanto nas persoas como nas organizacións.

As fotografías do calendario, realizadas por Diana Fajardo, tiveron lugar en setembro de 2025 no Palacio dos Deportes da Coruña, un espazo cedido grazas á colaboración do Hockey Club Liceo e do Concello da Coruña. A idea do proxecto comezou a tomar forma en xullo, coa participación activa de membros da entidade nunha sesión marcada pola enerxía, a colaboración e o espírito deportivo.

A través deste traballo conxunto, Down Coruña e o Hockey Club Liceo poñen en valor o deporte como ferramenta de transformación social e como un espazo no que todas as persoas, con independencia das súas capacidades, poden medrar, aportar e construír comunidade.

O calendario solidario 2026 conta co apoio de Bayfa Enxeñaría e Instalacións, Congalsa, Copasa, Cyma Informática, El Corte Inglés, Esco Expansión, Gadis, Isla Coruña Consulting Empresarial, Miraveo, Permae, Repsol, Distribuciones Seoane e Hijos, Vegalsa e Autopulmans Travidi.

Ir o contido