Colabora con Down Galicia mercando un vaso térmico polo Día Mundial da Síndrome de Down

Un ano máis, La Voz de Galicia colabora con Down Galicia poñendo á venda un novo produto con motivo do Día Mundial da Síndrome de Down. Así, neste 2026 poderase adquirir un estupendo vaso térmico co que poderás levar a inclusión contigo.

A venda deste produto ofrece a todas aquelas persoas que o desexen a oportunidade de colaborar de forma directa cos programas de inclusión e autonomía persoal que desenvolven as entidades Down en Galicia.

Deste xeito, toda aquela persoa que estea interesada en adquirir este vaso térmico debe reservalo no seu quiosco máis próximo desde o luns 9 ata o xoves 12 de marzo, para poder recollela entre os días 16 e 22 de marzo por tan só 4,95€.

Este vaso térmico, feito de aceiro inoxidable, conta cunha dobre capa que conseguirá que a túa bebida se manteña fría ou quente durante varias horas. Ademais, ten unha tapa dosificador de seguridade e unha capacidade de 310 ml. O vaso perfecto para tomar unha bebida quentiña ou refrescante no teu día a día ou nas túas escapadas.

Ademais, presenta un atractivo deseño que busca implicar a toda a sociedade no obxectivo de incluír ás persoas coa síndrome de Down en tódolos ámbitos da vida. Porque depende de todas e de todos que poidan participar de forma activa en todas aquelas actividades que conforman o noso día a día: aprender na escola, desfrutar do ocio, traballar… O obxectivo está nas nosas mans. Fagámolo posible!

Como cada ano, esta campaña pretende, principalmente, concienciar á sociedade e permitirlle aportar o seu gran de area para que as persoas coa síndrome de Down conten cos apoios necesarios e coas contornas adecuadas para levar unha vida autónoma, formando parte da súa comunidade de forma visible e activa, e demostrando as súas capacidades.

Esta iniciativa solidaria é posible grazas á colaboración desinteresada de La Voz de Galicia, que doará a Down Galicia o beneficio íntegro de cada vaso térmico vendido co seu xornal.

Ir o contido