Xuntos conmemora o Día Mundial da Síndrome de Down con distintos actos na contorna pontevedresa

Con motivo do Día Mundial da Síndrome de Down, Down Pontevedra Xuntos quixo reivindicar a importancia da inclusión das persoas coa síndrome de Down e outras discapacidades intelectuais coa realización de varias sensibilizacións na contorna pontevedresa.

O presidente de Xuntos, Manuel Pérez Cabo, destacou que “o Día Mundial da Síndrome de Down é unha xornada para reivindicar” e indicou que, como cada ano, as entidades Down queren “dar visibilidade á realidade das persoas con esta alteración cromosómica”. “Queremos que a sociedade vexa que os prexuízos que ten sobre as persoas coa síndrome de Down, crean barreiras que impiden a súa inclusión e que poidan vivir a vida que elas mesmas elixan”.

 

Sensibilizacións en centros educativos, centros de día e eventos culturais

Co obxectivo de dar visibilidade ás capacidades das persoas coa síndrome de Down e outras discapacidades intelectuais, Xuntos está a participar durante estas semanas en distintas actividades divulgativas pola comarca.

Por un lado, profesionais e persoas usuarias da entidade estiveron realizando nestes días varias xornadas de sensibilización en centros educativos da contorna, onde fixeron fincapé na importancia de que todos os nenos e nenas compartan espazo nas aulas. Deste xeito, achegáronse ao CEIP A Escardia e ao CEIP Rosalía de Castro en Vilagarcía, á Escola Infantil El Grupo en Marín, ao CEIP Cabeiro e CEIP Quintela en Redondela, e ao CPR San José, CEIP Cabanas, centro Calasancio e CEIP San Martiño en Pontevedra.

Por outra banda, tamén realizaron unha sensibilización no Centro de Día “Lembranzas” de Vilagarcía de Arousa, onde evidenciaron o envellecemento prematuro e acelerado que presentan as persoas coa síndrome de Down, e reclamaron a necesidade de que poidan acceder aos recursos comunitarios existentes na sociedade a unha idade máis temperá.

Este ano, a entidade tamén participou o propio día 21 no Salón do Libro Infantil e Xuvenil de Pontevedra, unha actividade consolidada para a rapazada e as súas familias. Alí, profesionais e persoas usuarias da entidade fixeron un contacontos co obxectivo de sensibilizar  sobre a importancia da inclusión das persoas coa síndrome de Down en tódolos ámbitos da sociedade.

 

Visibilización no Concello de Moaña

Un ano máis, o Concello de Moaña quixo contar con Down Pontevedra Xuntos para dar visibilidade a este Día Mundial da Síndrome de Down.

Así, ademais de colocar unha pancarta na balconada do Concello, a administración local iluminou o palco da música do municipio coas cores corporativas das entidades Down e organizou un acto no que persoas coa síndrome de Down leron o manifesto das entidades Down en Galicia para este ano 2026. Neste evento, tamén se puido desfrutar da actuación do grupo Airiños, do que forma parte unha persoa coa síndrome de Down.

Ir o contido