Responsables da Fundación Iberdrola España visitaron esta mañá en Santiago de Compostela o proxecto “Talento profesional de persoas coa síndrome de Down e discapacidade intelectual” que leva a cabo a Federación Down Galicia e que está cofinanciado polo Programa Social da Fundación.
Para as persoas con discapacidade, a situación en relación co emprego dista de ser a ideal. En termo medio, a súa porcentaxe de participación no mercado laboral é significativamente inferior ao do resto da poboación. É por iso que Down Galicia desenvolve este proxecto, coa misión de facilitar a incorporación das persoas con discapacidade intelectual, especialmente das persoas con síndrome de Down, no mercado de traballo ordinario, garantindo para iso todos os apoios que tanto a persoa, a familia ou a empresa necesiten.
A visita tivo lugar na sede central da entidade e contou coa asistencia de Delmiro Prieto González e Sonia Caldas Novás, presidencia e xerencia da Federación Down Galicia; Beatriz Buceta Martínez, responsable de emprego da Fundación Down Compostela; e Julia Cuevas, responsable da área Social da Fundación Iberdrola España.
Durante a xornada, as persoas asistentes coñeceron polo miúdo a traxectoria do proxecto, así como varias historias de éxito baixo a metodoloxía do Emprego con Apoio. Ademais, puideron compartir tempo con varias persoas usuarias da Fundación Down Compostela, que explicaron cal foi ou está a ser o seu proceso de procura activa de emprego e/ou mantemento e apoio no posto de traballo.
Desde a Federación Down Galicia aproveitaron esta visita para poñer de relevo a importancia de garantir os apoios laborais ás persoas coa síndrome de Down e outras discapacidades intelectuais tamén no ámbito do emprego público. Neste sentido, lembraron que, na actualidade, son as empresas privadas as que están a asumir economicamente o mantemento destes apoios no posto para persoas que desempeñan o seu traballo en administracións autonómicas, provinciais e locais, polo que a entidade Down quixo agradecer publicamente esta colaboración e instar a máis empresas a colaborar con este modelo para garantir que as persoas con discapacidade intelectual que acceden ao emprego público conten tamén cos recursos e apoios laborais precisos para desempeñar as súas funcións en igualdade de condicións, favorecendo así unha inclusión real e efectiva en todos os ámbitos do mercado laboral.
O proxecto “Talento profesional de persoas coa síndrome de Down e discapacidade intelectual”, que se desenvolve en diversas zonas da comunidade galega, facilita ferramentas, recursos e reforzo a 24 persoas en procura de emprego e 46 en activo que actualmente desempeñan un posto de traballo nunha empresa ordinaria e atópanse en fase de mantemento e apoio no posto.