Borja vén de dar un importante paso no seu itinerario de inclusión laboral ao asinar o seu primeiro contrato de traballo. Faino da man de Sumipor, empresa dedicada á comercialización de accesorios e subministracións industriais, onde se incorporou como mozo e acompañante de reparto cun contrato temporal dun ano.
A través do Servizo de Emprego Con Apoio de Down Vigo, Borja comezou esta nova etapa profesional desempeñando unha xornada de tres horas diarias. Entre as súas funcións atópanse a carga do material para a súa distribución, o apoio na entrega de mercadorías, a xestión dos albarás e a posta a punto das furgonetas eléctricas no punto de carga.
Tras os primeiros meses no posto, fai unha valoración moi positiva desta experiencia. “Estou a gusto e contento”, asegura, despois de superar os nervios propios dos primeiros días de traballo. Ademais, destaca que unha das tarefas que máis lle gusta é “poñer a cargar as furgonetas eléctricas e entregar os albarás”, labores que realiza cada día debido ás rutas de reparto polo Porriño, Mos e Vigo.
Borja tamén quixo salientar o apoio recibido por parte do equipo de Sumipor e da súa contorna, aspectos fundamentais nesta primeira experiencia laboral. O acompañamento do preparador laboral e do resto de profesionais de Down Vigo está a facilitar a súa adaptación ao posto e a adquisición de novas responsabilidades. Entre os retos que afronta nesta nova etapa, sinala a necesidade de familiarizarse coa localización das diferentes empresas ás que realizan as entregas.
Este primeiro emprego supón un paso adiante cara á súa autonomía e ao seu desenvolvemento persoal. A súa constancia, implicación e capacidade de traballo fan afrontar esta nova etapa con optimismo e confianza.
Desde Down Galicia queremos desexarlle a Borja moitos éxitos neste novo camiño profesional e agradecer a Sumipor a súa confianza e compromiso coa inclusión laboral das persoas coa síndrome de Down e outras discapacidades intelectuais.