O proxecto de apoio á vida independente de Teima recibe o Premio Solidario “Cidade de Ferrol”

 

“Marcho que teño que marchar” é o nome do proxecto de apoio á vida independente de persoas coa síndrome de Down e outras discapacidades intelectuais de Teima Down Ferrol, galardoado co Premio Solidario “Cidade de Ferrol” que outorga cada ano o concello da cidade naval.

O proxecto, que xa foi distinguido pola Deputación da Coruña co Premio de Boas Prácticas en Servizos Sociais, diríxese a 48 persoas adultas de entre 19 e 53 anos coas que se fixa un itinerario cara unha vida independente contemplando as súas demandas e as súas familias.

O Concello concede así á entidade 6.000 euros para contribuír á posta en práctica do proxecto e o seu mantemento.

Mari Muíño, responsable do programa de vida independente de Teima, indica que desde a entidade valoran “moi positivamente o recoñecemento a un proxecto que xurde de afianzar unha metodoloxía inclusiva, que da oportunidade ás persoas con discapacidade intelectual a vivir a vida tal e como queren, igual que o resto das persoas”.

Por outra banda, Mercedes Alonso, coordinadora da entidade, explica que desde Teima tratan de que “cada persoa teña o seu propio itinerario de vida, traballando cunha planificación centrada na persoa, e contando cos apoios necesarios”.

 

Xurado do Premio Solidario

A concelleira de política social e inclusión, Rosa Martínez Beceiro, presidiu o xurado deste galardón, que estivo integrado por edilas da corporación, representantes de entidades sociais e as entidades gañadoras do ano 2022.

A decisión foi tomada por unanimidade, aínda que Martínez Beceiro destacou que nesta edición foi difícil “debido á calidade, variedade e innovación dos proxectos” e engadiu que están “orgullosos do traballo solidario que realiza o noso tecido social”.

Ademais deste galardón, o concello concedeu outro na categoría de Proxecto Solidario no eido da Cooperación Internacional, que recaeu na Asociación Solidaria Djouma con “Educación e auga en Mali”. A iniciativa, que recibe 4.000€, ten o obxectivo de que máis de 3.700 menores teñan acceso a auga potable nas escolas de Bandjougoubougou, Titibougou, Fombabougou e Souleymanebougou, construíndo catro pozos con bombas e paneis solares, ademais de almacenamento para 5.000 litros.

Os premios entregaranse nun acto para o que se fixará data proximamente.

Ir o contido