Arranca a campaña de vacinación da gripe estacional en Galicia

O pasado día 13 de outubro deu comezo a campaña de vacinación da gripe estacional en Galicia, de vital importancia este ano pola situación sanitaria actual debido á pandemia provocada pola COVID-19.

Ata o 31 de decembro, data de finalización da campaña, as autoridades sanitarias recomendan vacinarse aos seguintes grupos de persoas co fin de preservar a saúde colectiva e a das persoas cun maior risco de desenvolver complicacións por esta enfermidade:

  • Persoas de 60 ou máis anos, especialmente as persoas de 65 ou máis anos.
  • Residentes en institucións pechadas (residencias de persoas maiores e outros centros de atención a crónicos).
  • Persoas de calquera idade (6 meses – 60 anos) que teñan un maior risco de complicacións derivadas da gripe
  • Mulleres embarazadas en calquera trimestre da xestación e puérperas nos primeiros 6 meses tras o parto se non foron vacinadas anteriormente.
  • Nenos e adolescentes (de 6 meses a 18 anos) con tratamentos prolongados de ácido acetilsalicílico.
  • Nenos de entre 6 meses e dous anos de idade que naceran prematuros (<32 semanas de xestación).
  • Profesionais ou estudantes en prácticas de centros sanitarios, servizos e establecementos sanitarios.
  • Persoas que traballan en institucións xeriátricas ou en centros de atención a enfermos crónicos.
  • Persoas que proporcionan coidados domiciliarios a pacientes de risco ou a persoas maiores.
  • Conviventes (incluídos nenos) de persoas pertencentes a grupos de risco.
  • Persoas que traballan en servizos esenciais para a comunidade.
  • Traballadores expostos directamente ás aves domésticas ou porcos nas granxas ou explotacións avícolas ou porcinas, e tamén ás aves silvestres.

Vacinarse é a medida principal para evitar a enfermidade. Ademais, lavar as mans con frecuencia é a medida de hixiene máis importante, xa que as gotiñas que se emiten ao tusir, esbirrar ou falar poden quedar nas mans, onde o virus pode sobrevivir uns minutos (menos de 5 minutos).

É importante, este ano máis que nunca, concertar cita para vacinación nos centros de saúde e non acudir directamente sen estar citado.

 

Recomendacións sobre a vacina da gripe estacional para as persoas coa síndrome de Down

Ante a nova tempada da gripe estacional, desde Down Galicia queremos lembrar a vulnerabilidade das persoas coa síndrome de Down fronte á enfermidade e ás súas posibles complicacións derivadas da disfuncionalidade da súa resposta inmune. Ademais, as posibles infeccións respiratorias que pode provocar a gripe, principalmente por neumococos, elevan a alerta este ano ao coincidir coa pandemia de COVID-19.

Por iso, seguindo as recomendacións do Dr. Josep M. Corretger, da Fundación Catalá Síndrome de Down e membro do Comité Médico Asesor de Down España, solicitamos encarecidamente ás familias e profesionais e persoas coa síndrome de Down que contacten e se dirixan aos seus centros de saúde para iniciar as indicacións de vacinación esixidas e consensuadas para o colectivo:

1. Vacinación antigripal de todas as persoas coa síndrome de Down maiores de 6 meses.

2. Vacinación dos conviventes con persoas coa síndrome de Down -familiares e profesionais que traballen con persoas coa síndrome de Down-, sobre todo se presentan factores de risco de complicacións da gripe: menores de 6 meses de vida, idade avanzada, trastornos respiratorios crónicos, inmunitarios ou cardíacos, diabetes…

3. Vacinación antineumocócica:

  • en nenos e nenas coa síndrome de Down menores de 2 anos, asegurar a recepción das correspondentes doses de vacina antineumocócica conxugada (VNC) contempladas no calendario de vacinacións sistemáticas da súa comunidade.
  • en persoas coa síndrome de Down maiores de 2 anos que non reciban ou completen a vacinación sistemática infantil con vacina antineumocócica tridecavalente (VNC13: Prevenar 13), administración dunha dose de VNC13 seguida, tras un intervalo mínimo de 2 meses, dunha dose de vacina antineumocócica polisacarídica 23-valente (VNP23).
  • nas vacinadas unicamente con doses de VNC13 despois dos 2 anos, administración dunha dose de VNP23 tras un intervalo mínimo de 2 meses.
  • en persoas de 2 a 17 anos que recibisen doses de VNP23 sen doses previas de VNC13, indicación dunha dose de VNC13 a partir dos 2 meses seguintes; en adultos, o intervalo entre ambas as doses non debe ser inferior a 12 meses.
Ir o contido