A Fundación A.M.A. galardoa o proxecto de Envellecemento de Down Galicia na X edición do Premio Mutualista Solidario

 

A Federación Down Galicia foi galardoada na X edición do Premio Mutualista Solidario que entrega anualmente a Fundación A.M.A. Este recoñecemento, dotado con 5.000 euros, premia o proxecto “Intervención no proceso de envellecemento de persoas coa síndrome de Down e discapacidade intelectual”, cuxo obxectivo principal é promover o envellecemento activo nas persoas adultas coa síndrome de Down e outras discapacidades intelectuais, asegurándolles maiores oportunidades de incrementar, manter e actualizar aquelas competencias que favoreza, fomenten a súa independencia e autonomía persoal.

Para a consecución do obxectivo marcado neste proxecto leváronse a cabo distintas actividades, como a valoración do proceso de envellecemento das persoas usuarias, a elaboración dun plan individual de intervención, a avaliación e seguimento do envellecemento, a atención e o apoio psicosocial a familias e a coordinación con recursos socio-sanitarios da contorna comunitaria.

Envellecer é un proceso natural para todas as persoas, mais non deixa de ser unha conquista para as persoas coa síndrome de Down. De feito, nas últimas décadas apreciouse un espectacular aumento da súa esperanza de vida, superando en moitas ocasións os 60 anos. É por iso que empezamos a atoparnos nestes momentos cunha poboación maior de persoas adultas que mostran cambios prematuros relacionados coa idade e novas necesidades físicas, psíquicas, cognitivas e sociais ás que debemos dar resposta.

Para Down Galicia falar de envellecemento é falar de retos, pero tamén de futuro. A sociedade debe proporcionar ás persoas maiores con discapacidade as oportunidades que lles permitan ser o máis autónomas posible, gozar de boa saúde e ser produtivas, fomentando así o benestar e creando contornas ambientais máis propicias e favorables. É dicir, capacitar en lugar de xerar unha dependencia innecesaria.

Un novo recoñecemento

O Premio Mutualista Solidario é unha convocatoria dirixida a identificar e apoiar proxectos propostos polos mutualistas de A.M.A. e co fin de mellorar a calidade de vida de colectivos en risco de exclusión social. Tal e como establecen as bases, os proxectos seleccionados debían estar relacionados co coidado da saúde, a atención sanitaria e a promoción de hábitos de vida saudables, con especial atención a colectivos en situación ou risco de exclusión social.

A resolución final contou con varias entidades premiadas, a información da convocatoria está disponible na páxina web de AMA: https://www.amaseguros.com/, no apartado de AMA Grupo – Fundación AMA: https://www.amaseguros.com/fundacion-ama

Ir o contido