André, un mozo membro da asociación Down Ourense, acaba de dar un importante paso na súa traxectoria laboral ao incorporarse á empresa Inplasor, onde traballará durante o próximo ano realizando tarefas de montaxe de caixas. Este contrato supón unha excelente oportunidade para seguir desenvolvendo as súas capacidades nunha contorna laboral inclusiva.
Esta incorporación representa un avance significativo no seu proxecto de vida, xa que lle permitirá asumir novas responsabilidades, adquirir experiencia profesional e continuar fortalecendo a súa autonomía tanto a nivel persoal como laboral.
Desde Down Galicia queremos agradecer a Inplasor o seu compromiso coa inclusión sociolaboral e por ofrecer oportunidades reais de emprego a persoas con síndrome de Down e outras discapacidades intelectuais. Así mesmo, facemos extensivo este recoñecemento á Fundación MAPFRE, que a través do seu proxecto Territorios Inclusivos impulsa iniciativas que favorecen a igualdade de oportunidades no acceso ao emprego ordinario.
E, por suposto, celebramos este novo logro de André e desexámoslle moito éxito nesta nova etapa que agora comeza. Cada incorporación ao mercado laboral supón un paso máis cara a unha sociedade máis inclusiva, onde todas as persoas poidan desenvolver o seu proxecto de vida en igualdade de oportunidades.