As entidades Down continúan prestando servizos a distancia a persoas usuarias e familias do movemento asociativo

Ante a declaración do estado de alarma e as recomendacións e medidas tomadas polo Goberno en relación á emerxencia sanitaria do COVID-19, a Federación Down Galicia e as súas entidades membro suspenderon o pasado 13 de marzo as actividades e os servizos presenciais prestados ás persoas usuarias.

Pero aínda que as portas das entidades Down permanecen pechadas desde entón, os equipos profesionais das mesmas continúan traballando a distancia para ofrecer ás persoas coa síndrome de Down e outras discapacidades intelectuais e ás súas familias, apoio e diferentes recursos para dar resposta ás súas necesidades.

Deste xeito, a Federación e a súas sete entidades están a realizar un seguimento semanal con todas as familias socias e contan cun servizo de apoio e consulta telefónica e online, e nalgún caso a través de whatsapp, ao que calquera persoa usuaria ou familia pode dirixirse en calquera momento en caso de precisalo.

Así mesmo, os e as profesionais das distintas áreas que conforman o Servicio de Promoción da Autonomía Persoal (SEPAP) das entidades ofrecen sesións virtuais e actividades a distancia a través de distintas plataformas e aplicacións para que as persoas usuarias poidan continuar, dentro do posible, co ritmo habitual de sesións.

Por último, tamén están a enviar material e vídeos de apoio para traballar de forma individual desde a casa e a realizar retos e actividades a través das redes sociais para fomentar a actividade física e mental nestes días de confinamento.

A Federación, pola súa parte, creou o apartado web “Recursos Down”, onde públicos de todas as idades, con e sen discapacidade, poderán atopar nun mesmo lugar actividades, xogos, contidos audiovisuais, contos, aplicacións web e móbiles de interese, enlaces directos a conferencias online, centos de ideas para levar a cabo no seu tempo de lecer e varias pautas e recomendacións para estes días que nos está tocando vivir.

Desde Down Galicia queremos agradecer o esforzo e a dedicación de todos e todas as profesionais que conforman o Movemento Down, que están a conseguir que persoas usuarias e as súas familias se sintan apoiadas e noten o menos posible a falta de servizos e actividades presenciais nas entidades.

 

Contacto entidades Down:

Federación Down Galicia
981 58 11 67
downgalicia@downgalicia.org
Down Vigo
986 20 16 56
downvigo@downvigo.org
Down Pontevedra “Xuntos”
986 86 55 38
xuntos@downgalicia.org
Teima Down Ferrol
981 32 22 30
teimadownferrol@teimadownferrol.org
Down Lugo
982 24 09 21
downlugo@downlugo.org
Fundación Down Compostela
981 56 34 34
downcompostela@downcompostela.org
Down Coruña
981 26 33 88
asociacion@downcoruna.org
Down Ourense
988 37 03 13
downourense@downgalicia.org

 

Ir o contido