O vindeiro 9 de xuño celébranse as eleccións ao Parlamento Europeo, unhas eleccións que marcarán as políticas públicas comunitarias dos próximos anos e, polo tanto, os dereitos e o benestar de millóns de persoas.
Tanto EAPN Galicia como as súas entidades membro, entre as que se atopa a Federación Down Galicia, insisten en que é de vital importancia para o futuro das institucións europeas que a cidadanía exerza o seu dereito a votar nestes comicios.
As taxas de pobreza e exclusión social no continente son altas e constantes. Segundo os últimos datos publicados por Eurostat, a pobreza e a exclusión social afectan ao 21,6 % da poboación europea, 95,3 millóns de persoas.
Tras estas cifras atópase a crúa realidade de persoas con nomes e apelidos que cada día ven vulnerados os seus dereitos en aspectos tan básicos como a garantía de ingresos, o acceso a unha vivenda axeitada, a servizos públicos ou a un emprego digno.
Temas que preocupan á cidadanía Europea
Segundo o Eurobarómetro de abril de 2024, un terzo da poboación da UE considera que a loita contra a pobreza e a exclusión social (33%) e a saúde pública (32%) constitúen os principais temas aos que se deben dar prioridade desde o Parlamento Europeo. En España, a saúde pública é o tema que produce maior inquedanza seguido da pobreza e a exclusión social.
O futuro Parlamento Europeo debe ter como prioridade inmediata as necesidades urxentes e emerxentes, adoptando medidas redistributivas e de xustiza social cun maior alcance, para evitar que a desigualdade, a pobreza e a discriminación sigan crecendo a niveis intolerables.
Políticas e fondos imprescindibles contra a pobreza e a exclusión social en Galicia
A Unión Europea conta con instrumentos para loitar contra a pobreza, como o Piar Europeo de Dereitos Sociais lanzado en 2017, que establece 20 principios básicos centrados en garantir unhas condicións de vida dignas para a cidadanía.
Por outra banda, existe Carta Social Europea, que inclúe disposicións sobre o dereito ao traballo, á seguridade social, á protección social e á igualdade de oportunidades e de trato no ámbito laboral.
En suma, Galicia recibiu ata a actualidade máis de 18.500 Millóns de euros das diferentes liñas de apoio das institucións comunitarias no que foi un verdadeiro revulsivo para o desenvolvemento da nosa rexión.
O Fondo Social Europeo Plus (FSE+) e o Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional (FEDER) son instrumentos de apoio económico da Unión Europea destinados a promover a cohesión económica, social e territorial entre os Estados membros.
Doce medidas contra a Pobreza e a Exclusión Social
Como entidades que loitan polos dereitos das persoas en pobreza e exclusión social, é o noso deber lembrarlles ás diferentes formacións políticas que concorren aos comicios europeos, os compromisos sociais adquiridos no marco da Axenda 2030, os Obxectivos de Desenvolvemento Sostible e o Pilar Europeo de Dereitos Sociais, e polo tanto, a necesidade non só de manter as políticas públicas implementadas durante os últimos anos senón tamén un aumento dos recursos e do alcance das mesmas.
Desde EAPN Galicia, creemos que unha Europa igualitaria só se pode construír poñendo no centro a paz e os dereitos humanos.
O novo contexto político brinda a oportunidade de facer unha aposta firme e eficaz contra a pobreza. Toca ás institucións e aos diferentes Gobernos ter altura de miras ante os retos pendentes, colaborando coa sociedade civil para que os dereitos e a dignidade de todas as persoas marquen as axendas, tal e como demanda a propia cidadanía europea.
Por iso, presentamos un dodecálogo de propostas que consideramos imprescindibles para a Europa que xurda dos próximos comicios.
1- Implementación de Ingresos Mínimos Garantizados (IMG)
Medida: Directiva europea que estableza a implantación e implementación de sistemas de garantía de ingreso mínimo nos países membro.
2- Asegurar o acceso a vivenda digna, axeitada e asequible
Medida: Paquete de medidas para o impulso da vivenda pública, cooperativa, social ou comunitaria que transforme os sistemas de vivenda dos países membro en pos de garantir o dereito subxectivo á vivenda. Este paquete de medidas incluirá a provisión de vivenda pública en aluguer social e vivenda alugable, a través de nova promoción, de recuperación de vivenda e de rehabilitación das existentes facéndoas máis eficientes enerxéticamente e dando prioridade ás persoas en situación de vulnerabilidade (reserva do 20% do seu financiamento) e conterá medidas concretas como a regulación de prezos de aluguer e estratexias europeas que preveñan e combatan o senfogarismo en todas as categorías de ETHOS.
3- Transición xusta cara a unha Economía Sostible
Medida: Creación dun fondo de investimento público da UE específico e a longo prazo para impulsar a transformación socialmente xusta da nosa economía cara ás cero emisións netas e unha economía circular que desenvolva unha estratexia europea para a xestión sustentable dos recursos e a redución da demanda de enerxía.
4- Promoción de Emprego Digno
Medida: Medidas de seguimento do cumprimento da directiva europea 2022/2041 do 19 de outubro de 2022 sobre uns salarios mínimos adecuados na UE con especial atención á negociación colectiva.
5- Protección fronte a despedimentos
Medida: Posta en marcha de instrumento SURE para emitir bonos sociais que se distribúan en forma de préstamos aos Estados membros que os soliciten en situacións de crise.
6- Reforma da fiscalidade para unha distribución máis xusta da riqueza
Medida: Adopción da iniciativa cidadá europea de gravar as grandes riquezas para financiar a transición ecolóxica e social.
7- Fortalecemento do Fondo de Garantía Xuvenil e a súa inclusión no Semestre Europeo
Medida: Aumento do financiamento e expansión das oportunidades de formación, emprego e emprendemento para as persoas mozas a través do Fondo de Garantía Xuvenil.
8- Promoción do Terceiro Sector de Acción Social
Medida: Impulso da economía social e solidaria mediante o apoio a cooperativas, empresas sociais e proxectos comunitarios.
9- Garantía de respecto dos dereitos humanos ás persoas migrantes, refuxiadas e solicitantes de asilo
Medida: reforzar as vías legais e seguras para migrar a Europa, así como reivindicar un proceso de implementación do Pacto de Migración e Asilo con plena garantía dos dereitos recollidos na Carta de Dereitos Fundamentais da UE a todas as persoas migrantes e refuxiadas, con plenas garantías procedementais na análise de vulnerabilidades e necesidades de protección das persoas, particularmente en contornos fronteirizos.
10- Igualdade trato fronte á aporofobia
Medida: Impulsar unha decisión marco relativa á loita contra todas as formas de aporofobia que inclúa esta discriminación dentro dos organismos europeos de loita pola igualdade como a contabilización de delitos de odio de FRA ou as razóns protexidas da ECRI.
11- Garantir os dereitos dixitais das persoas en situación de pobreza e o acceso á administración para exerce-los seus dereitos
Medida: impulsar o proceso de adquisición de competencias dixitais da poboación en situación de pobreza e/ou exclusión social para acabar coa fenda dixital, garantindo a liberdade de acceso a información diversa e fiable, a liberdade de expresión, e a protección da vida privada e datos persoais, garantindo, pola súa vez, o acceso ás administracións públicas de modo presencial, de modo que poidan elixir o mecanismo de relación coa administración.
12- Garantir a transversalización de xénero na garantía dos dereitos sociais
Medida: Impulsar a transversalización de xénero nas políticas públicas, especialmente naquelas relacionadas coa prevención e a loita contra a pobreza e, en concreto, coa garantía de dereitos.