O proxecto de inclusión educativa “Unha escola para tod@s” de Down Galicia, premiado polo Banco Santander

 

Novo recoñecemento ao proxecto de inclusión educativa “Unha escola para tod@s” que desenvolve a Federación Down Galicia a través das súas 7 entidades. O Banco Santander fixo entrega hoxe en Madrid dos Premios da XVI Convocatoria de “Euros de tu Nómina” onde Delmiro Prieto, presidente da Federación, recolleu o galardón en mans da presidenta da entidade financieira, Ana Botín, e en presencia da Raíña de España, Letizia Ortiz.

Esta iniciativa do Banco Santander recoñece o traballo de 16 iniciativas seleccionadas polos empregados e empregadas do organismo. No tocante a Down Galicia, o premio inclúe fondos para o desenvolvemento do proxecto, cun total de 48.487 euros. Así se destacou hoxe no acto que acolleu a Cidade Grupo Santander ante medio millar de persoas.

Entre o resto de entidades galardoadas pola organización atópase a galega AFAOR, Fundación Querer, Asociación Ciudad Joven, Asociación Norai, Asociación Nuevo Futuro, AsinDown ou Fundación Hay Salida.

 

Así é “Unha escola para tod@s”

O proxecto fará posible que 132 personas coa síndrome de Down e discapacidad intelectual de 120 centros educativos conten cunha serie de apoios encamiñados a alcanzar o maior grao de desenvolvemento e autonomía posible a través da dinamización de experiencias educativas de calidade nos seus anos de escolarización.

O obxectivo principal deste proxecto é promover e facilitar, de forma coordinada cos centros educativos, a inclusión escolar do alumnado con discapacidade intelectual na escola ordinaria, potenciando ao máximo o seu desenvolvemento cognitivo, social e persoal a través de recursos e metodoloxías educativas optimizadoras dos procesos de aprendizaxe.

As limitacións dunha persoa convértense en discapacidade como consecuencia da súa interacción cun ambiente que presenta barreiras e non ofrece apoios para reducir as súas limitacións funcionais. Por tanto, se unha persoa se desenvolve nun ambiente libre de barreiras e cos apoios que necesita, as súas capacidades desenvolveranse máis e serán cada vez máis operativas.

A inclusión na escola ordinaria é a vía e o medio máis adecuado para alcanzar o desenvolvemento persoal, formativo, psicolóxico e social das persoas e, máis especialmente, daquelas que teñen algunha discapacidade. Unha educación inclusiva debe garantir a todo o alumnado o acceso a unha cultura ordinaria que lles achegue unha capacitación e formación básica para a vida. Trátase dunha escola que non pon requisitos de entrada nin mecanismos de selección ou discriminación de ningún tipo, para facer realmente efectivos os dereitos á educación, á igualdade de oportunidades e á participación.

 

Nova edición de “Euros de tu nómina”

“Euros de tu Nómina” é unha de las iniciativas máis relevantes de Banco Santander para os miles de empregados e empregadas implicadas coas causas sociais e que apoian ás ONG que traballan a diario para axudar aos colectivos máis vulnerables. Esta iniciativa solidaria cumpre a súa décimo sexta edición e fíxoo repartindo preto de 700.000 euros entre las 16 organizacións que foron premiadas.

Nesta edición participaron 246 entidades, que presentaron os seus proxectos, con 30 finalistas e 16 proxectos gañadores. Os proxectos gañadores fináncianse grazas ao fondo “Euros de tu Nómina”, formado polas achegas do persoal que participa doando unha cantidade mensual a través da súa nómina. Todo o diñeiro recadado anualmente é igualado polo banco. Desde que se puxo en marcha este programa repartíronse 5,3 millóns de euros entre os 137 proxectos gañadores e logrouse axudar a preto de 650.000 persoas.

 

A educación inclusiva: un dereito fundamental

As sociedades avanzadas deben estar dotadas de institucións capaces de garantir o dereito a unha educación inclusiva a toda a poboación, sen excluír a ningún individuo por ningunha causa. É dicir, deben garantir, sen condicións, a inclusión educativa nos centros ordinarios coa presenza, participación e aprendizaxe de todo o alumnado.

A educación inclusiva implica cambios para dar resposta ao modelo social de apoio e atención ás persoas con discapacidade fronte ao modelo rehabilitador existente. As persoas con discapacidade non son a raíz do problema, senón que o son as diferentes barreiras coas que se atopan e as limitacións da propia sociedade para prestar servizos apropiados e para asegurar adecuadamente que as necesidades das persoas con discapacidade sexan tidas en conta dentro do sistema educativo.

A educación é un dereito fundamental e facelo efectivo esixe garantir que todos os nenos e nenas, mozos e mozas teñan acceso a un sistema educativo de calidade en igualdade de oportunidades. Un sistema que recoñeza o valor da diferenza e apoie a todo o alumnado para conseguir o seu máximo desenvolvemento.

Por este motivo, desde hai 25 anos, a Federación Down Galicia loita para que todo o alumnado acceda á educación ordinaria e participe en igualdade de condicións, contando con apoios, modificando todo aquilo que sexa preciso e propoñendo solucións ás barreiras existentes. A entidade leva anos poñendo de manifesto que o sistema educativo español é discriminatorio coas persoas coa síndrome de Down e con outras discapacidades intelectuais e vulnera o establecido nos tratados internacionais.

O dereito a unha educación inclusiva está avalado pola Convención Internacional da ONU sobre os Dereitos das Persoas con Discapacidade, que no seu artigo 24 recoñece que “os Estados asegurarán un sistema de educación inclusivo a todos os niveis para as persoas con discapacidade”. Esta Convención foi ratificada en 2008 e aprobada por unanimidade polo Parlamento e é de obrigado cumprimento en España ao ter rango de tratado xurídico internacional de Dereitos Humanos.

Ir o contido