As persoas usuarias de Down Compostela elixen a Daniel Pombo para representalas no Padroado da Fundación

 

O padroado da Fundación Down Compostela vén de incorporar entre os seus cargos a Daniel Pombo García, un mozo coa síndrome de Down de 29 anos, elixido polos seus compañeiros e compañeiras de entidade.

Así, o pasado mes de decembro, as persoas usuarias maiores de idade da área de formación e emprego da Fundación tiveron unha cita cas urnas para elixir á persoa que as representaría no mencionado órgano de goberno, e que, entre outras funcións, encargarase de dar traslado das principais suxestións e queixas das persoas con discapacidade durante os vindeiros catro anos.

Ademais de permitir ás persoas con discapacidade elixir libremente ao seu representante no padroado, a iniciativa tiña como obxectivo familiarizar aos mozos e mozas cun proceso electoral común, xa que as normas establecidas eran moi similares ás que regulan as eleccións municipais, autonómicas, nacionais ou europeas.

Un mes antes da xornada electoral abriuse o prazo para que aqueles mozos e mozas interesados puidesen presentar a súa candidatura. Ademais de Daniel Pombo, nestes comicios tamén participaron outros seis candidatos: Adrián Cutrín, David Aldrey, Juan Carlos Castiñeiras, Cristina Freire, Irene Toubes e María Esperante.

Durante catro semanas os sete candidatos foron explicando as súas propostas ao resto de compañeiros e compañeiras, facendo unha alegación final 10 días antes da xornada dos comicios. Todos e todas elas coincidiron en reclamar máis oportunidades laborais para as persoas con discapacidade, máis actividades de ocio e máis experiencias de vida independente.

A xornada contou cunha masiva participación: o 94% das persoas adultas con dereito a voto participou nestas eleccións, nas que ademais de poder votar de xeito presencial, era posible facelo por correo. Para poder exercer o voto desta última forma, pensada principalmente para aquelas persoas que durante a xornada estivesen traballando ou non se puidesen achegar ata a sede da Fundación por outros motivos, as persoas interesadas tiveron que solicitar a súa papeleta a algún profesional da entidade, amosar o seu DNI e entregar o sobre co voto pechado.

Finalmente, tralo peche das mesas electorais, procedeuse ao escrutinio, que outorgou 13 votos a Daniel Pombo, 9 a David Aldrey, 8 a Adrián Cutrín, 7 a Irene Toubes, 5 a Cristina Freire, 2 a María Esperante, 2 a Juan Carlos Castiñeiras e 1 voto en branco. Deste xeito, Pombo erixiuse como gañador dos comicios, tomando posesión da súa praza como membro do padroado o pasado 20 de decembro. Neste 2024, o seu compromiso é reunirse aproximadamente unha vez ao mes cos seus compañeiros e compañeiras para recoller as súas propostas e poder así trasladarllas ao órgano de goberno no que participa en representación do colectivo.

En definitiva, a xornada electoral, que transcorreu con total normalidade, foi todo un éxito.

 

Proxecto para o fomento da participación

Este proceso electoral, enmarcado dentro dun proxecto da Fundación Down Compostela, xurde non só da necesidade de incorporar a unha persoa ao padroado da entidade, senón como unha forma de fomentar a autonomía das persoas con discapacidade e dinamizar a súa participación cidadá na súa contorna, así como na propia Fundación.

“Participación FDC” é unha iniciativa dividida en varias fases, que comezan co traslado de información sobre o padroado ás persoas usuarias da entidade: que é, como funciona, quen son os seus membros ou cales serían as funcións da persoa representante do colectivo, entre outras.

Tras esta fase inicial, abriuse o prazo para a presentación de candidaturas, traballando polo miúdo coas persoas interesadas no traballo que supón ser parte dun órgano de goberno dunha entidade, detallando os seus dereitos e as súas obrigas.

Posteriormente, deu comezo a preparación das campañas das distintas persoas candidatas coa elección do lema e da fotografía de campaña, a elaboración do cartel electoral, así como a selección das principais propostas e, tralo anterior, a tradicional pegada de carteis.

Paralelamente ao anterior, elaborouse un censo incluíndo a todas aquelas persoas que podían participar no proceso electoral e traballouse sobre o desenvolvemento da xornada electoral a través de dinámicas de role play, nas que as persoas usuarias da entidade repasaron os procesos básicos simulando unha xornada electoral real.

Ir o contido